A intensa axenda de traballo da concelleira de Cultura, Carmen Fouces, na Feira Internacional del Libro Infantil y Juvenil (FILIJ) de Cidade de México continuará durante as próximas horas cun encontro con membros da sección mexicana do IBBY (siglas en inglés da Organización Internacional para o Libro Xuvenil) co obxectivo de tratar de establecer unha relación de conexión bilateral Galicia-Mexico usando o Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra como plataforma.
O Concello de Pontevedra indicou, a través dun comunicado, que a intensa axenda de Fouces tivo reunións con distintas institucións, organismos gobernamentais e editoriais co fin de pechar unha programación conxunta para o vindeiro Salón Internacional do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.
México será o país convidado do Salón no ano 2018 e, para traballar na programación, Fouces reuniuse coa directora da FILIJ, Paola Morán; con representantes do Centro Cultural de España en México, a Fundación Telefónica México e o Mercado de la Merced.
Ademais, mantivo encontros coa Cámara Nacional de la Industria Editorial Mexicana (CANIEM), coa que acordou o envío de libros de literatura infantil e xuvenil (LIX) para as librerías de Pontevedra; e con responsables da Secretaría de Relaciones Exteriores, organismo co que se está a articular un programa de autores, ilustradores, autoras, narradoras e mediadoras de lectura.
Carmen Fouces tamén presentou o modelo de cidade de Pontevedra na radio da FILIJ, unha feira na que xa ao principio da súa estadía falou do modelo Pontevedra e a súa relación coa infancia.