Pontevedra presenta en ARCO a nova Bienal de Artes Vivas

Pontevedra
01 de marzo 2026

Pontevedra reafirma a súa vontade de situarse no mapa da creación contemporánea, fortalecendo pontes entre territorios, xeracións e linguaxes artísticas

Presentación do ciclo de Artes Vivas da Bienal
Presentación do ciclo de Artes Vivas da Bienal / Deputación de Pontevedra

O vindeiro 6 de marzo, o foco da arte contemporánea volverá situarse en ARCOmadrid. Alí, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, dará a coñecer a primeira edición da Bienal de Artes Vivas, que se desenvolverá do 2 ao 12 de xullo no histórico Convento de Santa Clara.

Acompañado polo comisario Iñaki Martínez Antelo, Domínguez presentará en Madrid unha proposta que amplía o horizonte da Bienal de Pontevedra cara ás prácticas vivas e contemporáneas.

A iniciativa consolida un novo modelo organizativo que aposta pola estabilidade e a profesionalización, cunha programación alterna: nos anos impares, Artes Visuais; nos pares, Artes Vivas.

Nesta estrea de Nas marxes, máis de vinte artistas transformarán Santa Clara nun espazo dinámico de creación, pensamento e experimentación, aberto á cidadanía.

O convento, símbolo patrimonial da cidade, reafírmase así como enclave estratéxico ao servizo da cultura actual, nun diálogo constante entre memoria e vangarda.

A presenza da Bienal por segundo ano consecutivo en ARCO reforza a súa proxección estatal e internacional, ao tempo que facilita novas alianzas dentro do ecosistema artístico.

O vicepresidente provincial aproveitará a súa estadía na capital para estreitar lazos con institucións culturais de referencia e reivindicar o compromiso da Deputación coa recuperación da memoria artística e coa conexión entre patrimonio e creación contemporánea.

Na súa axenda figura tamén unha visita ao Museo Reina Sofía, onde percorrerá a exposición dedicada a Maruja Mallo xunto á comisaria da mostra.

Ademais, coñecerá a renovada presentación das coleccións do museo, situada na cuarta planta do Edificio Sabatini, que revisa medio século de arte recente e inclúe obras de destacados creadores galegos como Menchu Lamas, Antón Patiño, Antón Reixa, Ángela de la Cruz, Manuel Vilariño, Vari Caramés e Xurxo Lobato.

O percorrido institucional continuará na Residencia de Estudiantes, onde visitará a exposición Intolerancia, centrada na memoria intelectual e nos debates culturais da España contemporánea. A mostra inclúe tres pezas procedentes do Museo de Pontevedra: dous debuxos de Arturo Souto —Cruce dos Pireneos e A véspera no campo de concentración— e a emblemática obra de Castelao, A derradeira lección do mestre.