O director do Museo, Xosé Manuel Rey, inaugurou xunto coa comisaria da mostra, Rosario Sarmiento, a exposición en honor ao falecido Leopoldo Nóvoa, co motivo do centenario do nacemento do autor pontevedrés.
A mostra componse das obras que o autor creou ao longo da súa vida, diferenciadas polas etapas que caracterizaron o seu desenvolvemento artístico e pictórico. En concreto, ofrece medio cento de pezas (cadros, libros ilustrados, documentos persoais ou esculturas) do que foi un dos artistas galegos máis internacionais.
Rey afirmou que Nóvoa "é un dos referentes abstractos da segunda metade do século XX e de principios do século XIX" e tamén destacou o "intenso traballo" de varios meses para sacar adiante a exposición, que cualificou como unha necesaria homenaxe a un "extraordinario artista" con motivo o pasado 17 de decembro do centenario do seu nacemento na pontevedresa parroquia de Salcedo.
Pola súa banda, Sarmiento citou os momentos máis importantes en canto á súa obra pictórica. O que a mostra pretende é "facer un percorrido polas súas primeiras obras dos anos 50 ata a súa morte en 2012", explicou.
A exposición temporal Leopoldo Nóvoa 1919-2019 inclúe tamén a proxección continua dunha peza audiovisual sobre o creador elaborada por Xurxo Lobato, quen a través de testemuñas de diferentes profesionais achega máis coñecemento sobre o autor.
A mostra e o documental completaranse con outras actividades para dar a coñecer a relevancia do artista: mesas redondas, visitas guiadas e obradoiros axudarán a divulgar a obra e a subliñar o carácter de referente de Nóvoa.
Ademais, xa que a exposición temporal é algo efémero que esvaecerá na clausura, fíxose un esforzo importante para editar un catálogo de calidade que sobreviva á propia mostra.
As obras de Nóvoa están marcadas pola influencia de diferentes artistas como Joaquín Torres García, o seu primer mestre e que coñeceu en Montevideo nos anos 50. Tamén Luís Seoane, co que coincidiu en Bos Aires e que foi o que lle impulsou a facer a súa primeira exposición na Galería Velázquez de Bos Aires. O cambio ás figuras abstractas viño dado pola influencia de Jorge de Oteiza.
Tras mudarse a París en 1965, coñeceu a Edouard Loeb, que foi o seu galerista e grazas ao que realizou exposicións en Italia, Amberes e Dublín, entre outras.
En 1973 inaugura o seu estudo na Armenteira onde pasa os seus veráns. "Nese espazo da Armenteira é onde mellor enténdese a Leopoldo", dixo a comisaria.
O incendio do seu estudo de París en 1979 marcou un antes e un despois na súa arte, xa que perdeu todas as súas obras. Aí Nóvoa comeza a pintar de maneira frenética para compensar á perda.
Nos últimos anos da súa vida, Nóvoa pinta cadros volumétricos e ata utiliza caixas de puros como soporte para as súas obras. No 2010, pouco antes da súa morte, busca a "espiritualidade" nas súas obras, pintando só en cor branca.
A mostra pode visitarse no Sexto Edificio do Museo ata o 26 de abril.