Pontevedra soa a rock e a galego

Pontevedra
17 de maio 2015

As prazas Méndez Núñez e Cinco Rúas foron os espazos urbanos que compartiron protagonismo cos bares e que, nesta edición, se encheron de afeccionados á música animados polo bo tempo imperante  

Concerto de Caxade no Galegote Rock 2015
Concerto de Caxade no Galegote Rock 2015 / Diego Torrado

A música pop, rock e jazz e, sobre todo, a música en galego foi durante os catro últimos días a protagonista das rúas e bares de Pontevedra. Chegou e, case sen decatarse, xa se foi, pero o Galegote Rock deixou pegada despois de catro días -do 13 ao 16 de maio- nos que grupos locais e internacionais encheron de notas a cidade.

El Pequeño, La Gramola, a Cervexaría Trueque, ou Grifón, Lusco e Fusco e a sala Karma foron os locais de ocio protagonistas da edición deste ano, a cuarta de Galegote, na que destacou a presenza no cartel dos grupos portugueses The Bird Are Indie e A Jigsaw e de bandas recoñecidas como Narf e Caxade, nominados aos Mestre Mateo ou o Premio da Música Martín Codax.

As prazas Méndez Núñez e Cinco Rúas foron os espazos urbanos que compartiron protagonismo cos bares e que, nesta edición, se encheron de afeccionados á música animados polo bo tempo imperante.

A iniciativa organizada pola Concellería de Normalización Lingüística de Pontevedra e producida por 'Pontevedra ao Vivo' pretende achegar a mellor música das bandas galegas ao público e promover os grupos que usan o galego como lingua para as súas cancións. Todo a través de concertos totalmente gratuítos.