'Pontevedra Suite', un percorrido pictórico polo Manuel Moldes dos anos 80

Pontevedra
27 de xullo 2017

Medio cento de cadros producidos por Manuel Moldes na década dos 80. É o contido da nova exposición temporal que se pode visitar no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. A mostra, titulada Pontevedra Suite, estará aberta ao público ata o 17 de setembro

Visita á exposición "Pontevedra Suite" de Manuel Moldes
Visita á exposición "Pontevedra Suite" de Manuel Moldes / Mónica Patxot

Medio cento de cadros producidos por Manuel Moldes na década dos 80. É o contido da nova exposición temporal que se pode visitar no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. A mostra, titulada Pontevedra Suite, estará aberta ao público ata o 17 de setembro.

A exposición foi presentada, mentres se ultimaba a montaxe para a inauguración, polo propio artista, Manuel Moldes, polo comisario, Ángel Cerviño, polo director do Museo, Carlos Valle, e polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal.

Pontevedra é o lugar, tanto xeográfico como alegórico, que serve de fío condutor aos 47 cadros que se poderán ver nas tres salas de exposición temporal do Sexto.

O propio Manuel Moldes asegurou que despois dunha tempada en Madrid volve á cidade, na que decide quedarse a vivir e traballar, e que precisamente na etapa cronolóxica que recolle a mostra "foi moi importante para min a nivel vital".

A relación entre o artista e a cidade ao longo da súa traxectoria tamén foi salientada polo deputado de Cultura indicando que "é importante destacar que Manuel Moldes está presente despois na Facultade de Belas Artes, polo que moitos dos artistas que se foron formando nos últimos anos en Pontevedra beberon do que el fixo, e agora poderán comprobar como o que explicaba nas aulas o plasmou artisticamente durante os anos 80".

A etapa escollida, o lustro comprendido entre os anos 1983 e 1987, responde a unha "época especialmente fructífera", segundo a cualificou o deputado. O comisario da mostra, Ángel Cerviño, tamén incidiu nesta idea explicando que "se calculamos a súa produción nestes anos, sae a 2 ou 3 obras mestras por mes".

Cerviño asegurou ademais que o preto de medio cento de obras reunidas en Pontevedra Suite "nunca antes se puideran ver todas nun mesmo espazo, nin sequera o propio artista as vira xuntas".

O comisario explicou que isto fora debido a que nos anos 80 o mercado da arte tiña un gran dinamismo e Manuel Moldes naquela época vendera moitas das obras practicamente en canto as expoñía, ben en galerías ou feiras de arte. Unha circunstancia que fai que reunir todas pezas expostas teña un significado especial.

Neste sentido, tanto o director do Museo como o comisario agradeceron a todas as institucións e coleccionistas particulares a cesión das obras para facer posible Pontevedra Suite.

A maioría das obras son de gran formato e recollen series especialmente significativas na carreira de Manuel Moldes. Un período temporal que ademais coincide, tal e como apuntou o director do Museo, coa renovación artística galega que chegara naquel momento da man do Grupo Atlántica.

Con este movemento artistas como Manuel Moldes iniciaron un camiño ligado á arte internacional e á consolidación da modernidade, a través da reinterpretación dos mitos ancestrais da cultura popular galega, do expresionismo rural e da contorna atlántica oceánica da que toma a súa denominación.

O propio artista recoñeceu que ver as obras reunidas en Pontevedra Suite lle está dando lugar a un proceso de reflexión sobre a súa propia traxectoria e sobre a súa propia produción pictórica.

Ademais das obras das salas de exposicións, Manuel Moldes tamén estivo traballando durante varios días da semana pasada nunha acción artística na cristaleira exterior do Sexto Edificio e que permanecerá ata o remate da exposición.