PODCAST. A pontevedresa Sabela Senn recrea libremente a Safo de Lesbos en 'La décima musa'

Pontevedra
16 de maio 2025

'La décima musa' ten como protagonista a Safo de Lesbos, unha muller histórica da Grecia clásica. A novela está asinada pola pontevedresa Sabela Senn Lozoya e con ela volvemos charlar no 'Cara a cara'

Sabela Senn Lozoya en PontevedraViva Radio
Sabela Senn Lozoya en PontevedraViva Radio / Mónica Patxot

'La décima musa' non é unha novela histórica a pesar de que a súa protagonista sexa unha muller que transcendeu na historia. Este título escrito pola pontevedresa Sabela Senn Lozoya, sendo unha biografía ficcionada é musicología feminista.

Sábeo ben e explícao a autora, que é musicoterapeuta, violinista e pedagoga de linguaxe musical.

"Non hai moitos nomes femininos na historia da música e o primeiro que sae é o de Safo de Lesbos. Era unha muller adiantada ao seu tempo, foi unha figura moi respectada e sempre me chamou a atención. Sabemos moito de Beethoven, Mozart... pero hai figuras femininas moi rechamantes das que estaría ben saber máis, pero que foron silenciadas", expón.

O relato biográfico conta con moita achega de ficción e de licenzas históricas; por exemplo reuniu a un bo número de personaxes reais nesta novela a pesar de que non fosen coetáneos de Safo. A parte máis fiel á documentación corresponde aos deuses da mitoloxía clásica.

"Eu imaxínome a Safo como a unha Hipatia de Alexandría. As características das dúas son moi parecidas, pero a Hipatia saíulle moi caro. Safo non terminou igual, pero tamén tivo moitas trabas", apunta.

Chama a atención como escolleu aos seus lectores cero para que puísen a escritura: "quixen que fosen unha escritora de novela de fantasía, un escritor de novela histórica e unha experta en mitoloxía". A editorial que finalmente se encargou da súa publicación foi Knowmadas Books.

Explica durante o podcast o por que do título da novela e fala igualmente da derivación que o nome desta muller ten: o safismo deriva de Safo e refire á bisexualidade e homosexualidade da muller.

"Eu imaxineime a unha Safo moi libre, non menciono en ningún momento o lesbianismo. Fágoo de forma máis natural sen entrar tampouco en reivindicacións nin xuízos", aclara.

'La décima musa' é un libro que recomenda a un público novo e adulto. Hai creación artística, liberdade, amor, desexo sen etiquetas e relacións familiares intensas e complexas.

O debut ante o público desta novela será este mesmo sábado 17 pola mañá coa presenza de Sabela Senn na Feira do Libro de Marín; pola tarde asinará exemplares no barrio do Calvario en Vigo. A presentación oficial será o 29 de maio na Libraría Nobel de Pontevedra.

Posteriormente tamén pechou compromisos que a levarán á Feira do Libro de Porriño, á Festa dos Libros de Pontevedra, máis a da Coruña.