PODCAST. O audiovisual galego entrega os Premios Mestre Mateo e antes toca escoitar as 'Conversas na Ferrería'

Pontevedra
19 de marzo 2026

A capital lucense será a anfitrioa este sábado 21 de marzo da gala da Academia Galega do Audiovisual. O podcast 'Conversas na Ferrería' fala das candidaturas a estes Premios

Julio C. Piñeiro, Seve Casalderrey máis Santiago Agopian falan dos Premios Mestre Mateo 2026
Julio C. Piñeiro, Seve Casalderrey máis Santiago Agopian falan dos Premios Mestre Mateo 2026 / PontevedraViva

'Antes de nós', 'As liñas descontínuas' e 'Sirat' perfílanse como os titulos de longametraxe que máis se repitan durante a noite do sábado 21 de marzo na gala dos Premios Mestre Mateo. Galardóns que anualmente entrega a Academia Galega do Audiovisual.

O podcast 'Conversas na Ferrería' reúne de novo a Severiano Casalderrey, crítico e programador de cinema ademais de membro da Academia Galega do Audiovisual; Santiago Agopian, crítico de cinema e Julio C. Piñeiro, xestor da web enclavedecine.com, quen analizan candidaturas, propostas presentes e ausentes.

Son un total de vinte e cinco premios os que se entregarán: longametraxe, dirección, guión, actriz protagonista e de reparto, actor protagonista e de reparto, dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, realización, montaxe, son, música orixinal, vestiario, maquillaxe e perruquería.

Hai que engadir: curtametraxe, curtametraxe de animación, documental, serie de televisión, serie web, programa, anuncio publicitario, videoclip e comunicador/a.

No caso da película 'Antes de nós' dirixida por Ángeles Huerta e con guión de Pepe Coira, acumula dezaoito candidaturas a premio. Está protagonizada por Xoán Fórneas, no papel de Castelao e Cris Iglesias interpretando a Virxinia Pereira. Fórneas ademais tamén opta a galardón na súa faceta musical como O Xoán co videoclip 'Ferido'.

Once nomeamentos acumula a película dirixida por Anxos Fazáns, 'As liñas descontínuas', cuxo guión comparte con Ian de la Rosa e está protagonizada por Mara Sánchez e Adam Prieto. Co mesmo número de opcións a premio está Oliver Laxe con 'Sirat'.

Unha das cuestións na que coinciden os interlocutores é que "se botan en falta máis películas" e neste sentido citan longametraxes como 'Ciudad sin sueño', 'Romería' ou 'Ariel', ausentes na lista de finalistas.

Tamén opinión unísona sobre "o desfasamento de produción de 'Sirat' sobre o resto de competidoras", producida por Filmes da Ermida máis El Deseo, que pertence aos irmáns Almodóvar.

Hai ademais algúns interrogantes que expoñen como o feito de que compitan nunha mesma categoría, caso do premio en dirección, serie de televisión e longametraxe.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora