AuGAL celebra quince anos con 'Antes de nós', 'As liñas descontinuas', 'San Simón', 'Rondallas' ou 'Sirat'

Pontevedra
04 de novembro 2025

Os directores Ángeles Huerta, Miguel Ángel Delgado, Anxos Fazáns ou Daniel Sánchez Arévalo protagonizarán esta 'clase mestra' do audiovisual galego. Haberá actividades ata o 25 de marzo

Presentación da décimo quinta edición de AuGAL
Presentación da décimo quinta edición de AuGAL / Xunta de Galicia

Nove sesións co mellor do audiovisual máis recente. É o que ofrecerá a décimo quinta edición de AuGAL-Masterclass Audiovisual Galego, que se desenvolverá na Facultade de Comunicación do campus universitario de Pontevedra ata o próximo 25 de marzo.

Este programa, segundo os seus organizadores, busca continuar a fortalecer a formación no eido audiovisual, servir de espazo de interacción entre estudantes e os profesionais do sector e sumarse como pantalla de cinema á oferta de ocio da cidade.

A directora de fotografía Alicia Francés ou cineastas como Ángeles Huerta, Alejandro Gándara, Ariadna Silva, Miguel Ángel Delgado, Anxos Fazáns ou Daniel Sánchez Arévalo, entre outros, presentarán os seus últimos filmes nesta nova edición.

Así, entre as proxeccións, que serán abertas ao público xeral, estarán títulos estreados nos últimos meses como Antes de nós, As liñas descontinuas, San Simón, Rondallas ou Sirat.

A matrícula para o alumnado interesado é gratuíta.

O ciclo, coordinado polo profesor Paulino Pérez e cunha duración total de 31 horas lectivas, amplía a súa carga formativa respecto ao pasado ano co obxectivo de reforzar as oportunidades de aprendizaxe e contacto directo coa realidade profesional para o alumnado.

As sesións, que terán lugar na Aula de Cine da Facultade de Comunicación, contarán coas persoas responsables da dirección, guión ou produción de cada obra, o que permitirá aos asistentes dialogar directamente cos protagonistas e achegarse en detalle a cada produción.

A primeira cita, este mércores 5 de novembro a partir das 16:00 horas, estará dedicada ao visionado de dez curtas producidas polo alumnado da facultade no curso pasado, coa entrega do premio á mellor da selección do certame A Canteira-AuGAL.

O 12 de novembro celebrarase unha master class sobre dirección de fotografía a cargo de Alicia Francés, profesional galega con ampla traxectoria no cinema e na televisión; e o día 18 proxectarase a longametraxe Antes de Nós, presentada pola súa directora, Ángeles Huerta.

O día 26 será a quenda do documental 360 curvas, coa participación de Alejandro Gándara e Ariadna Silva, á fronte da realización, e xa en decembro, o día 3, proxectarase o filme San Simón, que estará comentado polo seu director, Miguel Ángel Delgado.

O ciclo retomarase o 25 de febreiro cunha sesión de curtas presentadas polas persoas responsables da súa dirección ou guión e na que se inclúen Algo novo que contar (Paula Pereira), Delincuente (Alba Domínguez e Nuria Vil), Un novo día (Gon Caride) e Curmán (Alejandro Jato).

O 4 de marzo exhibirase a longametraxe As liñas descontinuas, coa participación da directora Anxos Fazáns e da produtora Silvia Fuentes; e o 18 de marzo exhibirase Rondallas nunha sesión na que se abordará a película da man do seu realizador, Daniel Sánchez Arévalo.

A programación pechará o 25 de marzo coa proxección de Sirat, dirixida por Oliver Laxe, premio do xurado no Festival de Cannes 2025 e elixida pola Academia de las Artes y las Ciencias Cinematográficas para representar a España nos Premios Oscar 2026.