Este venres 22 de abril, a partir das 20.00 horas, o Auditorio de Vilagarcía de Arousa acollerá o acto de presentación do libro 'Alejandro Viana. Un galego á fronte do rescate dos refuxiados republicanos', unha obra do escritor Roberto Mera Covas na que se analiza a vida do deputado republicano de esquerdas ao que se considera o 'Schindler galego' polo seu labor de axuda humanitaria.
Alejandro Viana Esperón viuse obrigado a exiliarse da ditadura franquista e desempeñou unha intensa actividade para rescatar a persoas perseguidas polo réxime falanxista. No libro, Roberto Mera recolle a odisea que viviu o seu tío-bisavó desde que o 18 de xullo de 1936 se producía o levantamento golpista.
Viana Esperón, natural de Ponteareas, organizou a saída de España de miles de refuxiados políticos que fuxían do franquismo. Participou nesta actividade con varias organizacións humanitarias e organizou desde Francia expedicións marítimas colectivas para axudar no exilio de persoas a diferentes países de América, en especial a México.
Acosado pola Falanxe e tamén pola Gestapo, tras a ocupación alemá de Francia, Alejandro Viana fuxiu en 1941 percorrendo África e posteriormente trasladándose a México, onde se reencontrou coa súa muller. En México D. F. falecía en 1952.
Roberto Mera presentará a obra nun acto no que intervirá tamén a xornalista Montse Fajardo. Mera é avogado e psicólogo en Ponteareas e concelleiro do BNG nese municipio. O evento será de entrada libre ata completar a capacidade da sala de conferencias.