Un dos referentes do rap clásico en España como é Primer Dan chega a Pontevedra para actuar en The Groove House o vindeiro venres 24 de xullo ás 21:00.
Primer Dan é un artista do xénero "gangsta rap" de raíces africanas e criado no Salnés. O seu debut musical foi no 2007 co disco Mal clima e, aos poucos, converteuse nun dos referentes de toda unha xeración.
Este será o seu primeiro concerto en máis de quince anos na cidade do Lérez, o cal aumenta a expectación sobre un directo pensado "para todos os amantes do rap en estado puro".
Acompañaranlle no escenario o artista de Tarragona Lil Ceto, encargado de abrir o espectáculo coa súa actuación, e DJ Lofiown Music nos mandos do control.
Todos os asistentes poderán gozar dun repertorio composto polos temas máis clasicos xunto ás novas composicións dun artista que continúa consolidando a súa traxectoria.
Faino grazas a un son propio e unhas actuacións cargadas de intensidade e de proximidade ao público.
Doutra banda, Primer Dan convida aos asistentes "a vivir unha lenda musical na que non faltarán a nostalxia, o ritmo e a conexión que caracteriza a cada un dos seus directos".
O prezo das entradas é de dez euros e desde a organización animan ao público a adquirilas con suficiente antelación para non perderse o concerto.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.