O Cineclube Pontevedra, co apoio da concellería de Cultura, pon en marcha un novo ciclo de cine destinado ao público familiar, titulado "Primeiros Ollares".
A intención desta proposta e ofrecer películas de animación que se "saen do Ipad e do móbil porque non son as que promociona o algoritmo", segundo salientou na presentación Demetrio Gómez, concelleiro de Cultura.
O ciclo celebrarase en sesións matinais no Teatro Principal os domingos 2 e 30 de novembro e o 7 de decembro, ás 12:00 horas, con entrada de balde ata completar a capacidade, e está dirixido a familias e escolares de entre 6 e 7 anos.
O obxectivo principal é combatir a "super exposición ás pantallas" que, segundo o concelleiro, ten aparellada a "soidade das persoas diante dos teléfonos móbiles e dos Ipad". "Primeiros Ollares" busca, polo tanto, potenciar a "colectividade da sala de cinema" e ofrecer "películas que potencian a diversidade".
Pola súa banda, Olalla Márquez, en representación do Cineclube Pontevedra, explicou que o ciclo nace "da vontade para dar a coñecer certo tipo de cinema infantil que coida a estética formal, a reflexión, o desenvolvemento crítico e o gusto cinematográfico", indo máis alá das grandes producións comerciais.
As tres películas seleccionadas son de animación, teñen unha duración arredor da hora e media e foron pensadas especificamente para nenos e nenas destas idades.
O ciclo abrirase o domingo 2 de novembro con 'Calamity, une enfance de Martha Jane Cannary' (2020), unha produción franco-danesa que ficciona a infancia de Martha Jane Cannary, máis coñecida como Calamity Jane, no oeste norteamericano de 1863. A historia sitúase nun convoi na busca dunha vida mellor, onde a protagonista se ve obrigada a facerse cargo do carro familiar.
A cativa "pon os pantalóns e ten que aprender a montar a cabalo e supera o rol masculino" ante os desafíos do western, un xénero que ofrece un ritmo con aventura, conflitos e unha estética "impresionista e explosión de cores da paisaxe".
O filme está dirixido por Rémi Chayé e foi galardoado co Cristal ao Mellor Longametraxe no prestixioso Festival Internacional de Cinema de Animación de Annecy no ano 2020, ademais de estar nomeada aos Premios César, Annie e Premios do Cinema Europeo.
O domingo 30 de novembro proxectarase 'Linda quere polo' (2023), unha coprodución tamén francesa, que segundo Márquez tivo "pouca difusión" pero que tamén foi recoñecida co César á mellor película de animación e o Premio ao Mellor Longametraxe en Annecy. O filme, dirixido por Chiara Malta e Sébastien Laudenbach, narra unha "aventura culinaria" na que a nai de Linda debe atopar un polo con pementos despois de ter castigado inxustamente á súa filla.
A procura complícase por mor dunha folga xeral. Destaca o seu "universo visual impresionante", baseado en Matisse, onde cada personaxe ten unha cor distinta. É un filme con moito humor e moita alegría pero non deixa de tratar temas importantes como a autoridade dentro da familia e o dereito a expresarse por parte das crianzas.
Para rematar, o 7 de decembro poderase ver 'Tony, Shelly e a lanterna máxica' (2023), unha opera prima do director checo Filip Pošivač. É unha proposta, rodada en stop motion con maquetas, que trata a sobreprotección dun cativo, Toni, que soña con xogar.
O filme destaca polas súas "imaxes creativas" e o tratamento de "temas importantes como a identidade única das crianzas, a superación dos medos e potenciar (a súa identidade)". Foi recoñecida co Premio ao Mellor Longametraxe no festival de Annecy (na sección Contrechamp) e tamén premiada no Festival de Sitges na sección de animación.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.