Profesionais da banda deseñada formados na Facultade de Belas Artes protagonizan unha exposición

Pontevedra
16 de maio 2023

Conta con traballos de autores como Alberto Vázquez, Jano ou Kiko da Silva, comisario da mostra

Exposición '9 narrativas gráficas e unha animación desesperada'
Exposición '9 narrativas gráficas e unha animación desesperada' / Universidade de Vigo

Dez creadores formados na Facultade de Belas Artes e que na actualidade son profesionais da banda deseñada, a ilustración e a animación protagonizan a exposición '9 narrativas gráficas e unha animación desesperada'.

A Sala Universitaria Profesor Manuel Moldes inaugura esta mostra este venres 19 de maio.

O comisario da exposición e editor de cómics Kiko da Silva e o vicedecano de Cultura e Alumnado e novo responsable da sala, Ignacio Pérez-Jofre, presentaron este luns unha mostra que reúne as creacións dos exalumnos Alberto Vázquez, Brais Rodríguez, Jano, José Domingo, Julia Lago, Martín Romero, Miguel Cuba, Miguel Porto e Miriam Iglesias, así como do propio Kiko da Silva. 

A comezos deste século sucedeu "algo realmente revolucionario" no referido á expansión deste xénero en Galicia, xa que os seus autores, boa parte deles "debuxantes que estabámonos formando en Belas Artes", pasaron de "facer fanzines a profesionalizarnos, reivindicar o oficio e fundar asociacións profesionais... ", como o lembrou o comisario desta mostra e tamén director da escola de banda deseñada O Garaxe Hermético.

Trátase, engadiu Pérez-Jofre, de artistas cunha "obra de gran calidade", que conta ademais "con moita implantación do tecido profesional e cultural de Galicia, de España e incluso internacional".