O SonRías Baixas desvela a programación completa da súa próxima edición, que se celebrará do 30 de xullo ao 1 de agosto no recinto de As Lagoas, en Bueu.
O festival pecha o seu cartel coa incorporación de Biznaga, unha das bandas máis contundentes e necesarias do panorama estatal actual.
Cun son que transita entre o punk e o rock máis urxente, o grupo madrileño consolidouse pola súa capacidade para retratar a realidade contemporánea cunha mirada crítica, afiada e profundamente xeracional.
Os seus directos, intensos e sen concesións, convertéronse nun dos seus grandes sinais de identidade, conectando co público a través de letras incisivas e unha enerxía irresistible sobre o escenario.
Tras esta última incorporación, a organización deu a coñecer a distribución por días, configurando tres xornadas con identidade propia.
O xoves 30 abrirá o festival cunha xornada marcada polo pulso emerxente e a enerxía das novas escenas. Alcalá Norte, un dos nomes máis en auxe do rock estatal recente, liderará a noite co seu característico son de post punk afiado e actitude xeracional.
Xunto a eles, Veintiuno aportará a súa vertente máis melódica e emocional dentro do pop rock, consolidada a través de cancións de gran conexión co público.
Completan a xornada Duendeneta Dilleis, cunha proposta festiva e desenfadada; Hoonine, que mestura electrónica, house e synthpop dende unha mirada contemporánea; e Juventude, dúo que fusiona folclore, pop setentero e indie en clave bailable.
O venres 31 estará protagonizado pola diversidade sonora e a electrónica en todas as súas formas.
Ultraligera despregará o seu rock ambicioso e enérxico, cargado de intensidade e retrousos contundentes, mentres que Zahara transformará o recinto nunha pista de baile cun espectáculo inmersivo onde o techno reinterpreta o seu repertorio en clave electrónica, liberadora e reivindicativa.
Barry B, unha das voces máis persoais do momento, completará o tridente principal cun directo marcado pola sensibilidade e a experimentación.
A xornada incluirá propostas como Chiquita Movida, proxecto colectivo de espírito libre e actitude urbana; e nomes coma Rager, Kike Varela, EME DJ, Sobrezero e Ulex, que aportarán dende o indie rock ata a electrónica.
O SonRías Baixas porá o broche final o sábado 1 de agosto cunha das xornadas máis potentes e festivas, na que La M.O.D.A. regresará como un dos referentes da música alternativa nacional, cun directo intenso e emocional e unha forte conexión co público.
La Pegatina, pola súa parte, converterá o recinto nunha auténtica celebración colectiva coa súa inconfundible mestura de ska, rumba e ritmos festivos.
O resto da xornada contará con Biznaga, Mr. Kilombo, sinónimo de proximidade e carisma sobre o escenario; Sonido Gallo Negro, que traerá dende México a súa hipnótica cumbia psicodélica, ou Gara Durán, co seu universo íntimo e delicado.
Proxectos como Alizza, Cool Nenas, NDLR, Quinkillada e Duendeneta Dilleis completa unha programación diversa entre pop, electrónica, mestizaxe e novas tendencias.
Os abonos para as tres xornadas xa están dispoñibles a un prezo de 69 euros (gastos de xestión incluídos) a través de sonriasbaixas.info y enterticket.es. As entradas de día poranse á venta o próximo luns 11 de maio ás 12:00 horas.