¡Qué Desilusión! volve reunirse para ofrecer un concerto de despedida na Sala Karma

Pontevedra
13 de novembro 2023

A banda pontevedresa concluía o seu proxecto musical en 2018 e este venres 17 volverá subirse a un escenario ás 22.00 horas na sala Karma para despedirse dos seus seguidores tras unha traxectoria que conta coa gravación de dous discos: 'A golpe de alfil' e 'Remedios contra la mala suerte'

¡Qué desilusión! en concerto
¡Qué desilusión! en concerto

Adri, Charlie, Alberte e Rubén son os integrantes principais de ¡Qué Desilusión!, unha banda pontevedresa que en 2018 decidía finalizar o seu proxecto musical. 

Este venres 17 de novembro, a partir das 22.00 horas, na Sala Karma volverán subir a un escenario de maneira excepcional para despedirse dos seus seguidores baixo o lema 'A penúltima reunión'.

Os integrantes da formación sinalan que non haberá máis concertos nin outro tipo de xira ou volta habitual aos ensaios. Engaden que se trata de ofrecer un concerto que nunca se realizou cando finalizou a actividade musical do grupo.

O prezo da entrada para este concerto especial será de cinco euros e incluirá dous discos.

¡Qué Desilusión! gravou dous traballos discográficos ao longo da súa carreira baixo os títulos de 'A golpe de alfil' e 'Remedios contra la mala suerte', ademais de ofrecer decenas de concertos en distintos puntos de Galicia ou en salas míticas como a madrileña Jimmy Jazz de Vallecas.

Foi tamén o grupo invitado no concerto de Mägo de Oz nas Festas da Peregrina.

O estilo da banda, que comezou a súa andaina ao redor do ano 2009, móvese no rock con influencias de Los Enemigos, Barricada ou Leño. Este concerto xorde a raiz da invitación do Local de Música de Pontevedra a participar nunha das xornadas de jam session local Black Hole.

Os seus temas continúan dispoñibles nas principais plataformas dixitais.