"O que queira caldo quente, que pase por Mourente"

A emblemática Festa do Caldo Galego de Mourente, declarada festa de Interese Turístico, regresa na súa 34º edición que se celebrará este 7 e 8 de marzo

O Concello de Pontevedra presenta o programa da Festa do Caldo
O Concello de Pontevedra presenta o programa da Festa do Caldo / Concello de Pontevedra

A asociación de veciños O Castro Mourente reuniuse no Concello de Pontevedra para presentar o programa da XXXIV Festa do Caldo Galego de Mourente, que terá lugar esta fin de semana, 7 e 8 de marzo.

Anabel Gulías, concelleira de Turismo e Mercados, remarcou a importancia das orixes do evento, homenaxeando a todas as mulleres e homes involucrados na organización, unindo o traballo co amor pola tradición.

Este ano, o prezo da cunca do caldo será lixeiramente diferente con respecto a 2025, subindo a 3 euros, mentres que a cazuela manterase a 7 euros.

Para elaborar estas comidas ao "estilo da avoa" reuníronse máis de 800 mollos de grelos e preto de 400 quilos de patacas, entre outras grandes cantidades de ingredientes.

Antonio Reguera, presidente da Orde do Caldo, afirma que cada vez as dificultades son maiores, pero coa colaboración do Concello foi posible continuar ano tras ano con esta tradición.

A Fundación Luso-Galaica, que representa a Galicia e Portugal, decidiu outorgar un galardón de turismo gastronómico aos membros da asociación O Castro. Estes, á súa vez, acordaron entregar o diploma de honra a Anabel Gulías e Demetrio Gómez, conselleiro de Cultura e Festas.

Tal como explicou Santiago Laya, o presidente da asociación, a celebración seguirá a "mesma liña" que en edicións anteriores, asegurando que "o que está ben, por que cambialo?".

A festa comezará o sabado 7 de marzo ás 11:00 horas, na Deputación de Pontevedra, co recibimento das autoridades e confrarías de España e Portugal, posteriormente entregaranse as capas dos novos confrades da Orde do Caldo de Mourente.

Tras esta cerimonia, darase un paseo polas rúas e prazas de Pontevedra, terminando así ás 13:30 horas para emprender o camiño a Mourente e ás 14:00 horas comezar a típica comida nas carpas instaladas á beira do local social.

Para finalizar a xornada, as orquestras Saudade e Grupo Azabache actuarán a partir das 21:00 horas.

O domingo 8 de marzo é o "día grande" da festividade, colocaranse grandes carpas para recibir a un elevado número de persoas, que terán libre acceso, podendo asistir sen reservar ou pagar previamente, a diferenza doutras celebracións.

Ás 13:00 horas, procederase á lectura do pregón, a cargo do presentador da TVG Fran "Cañotas" Rego González, xunto á interpretación dunha canción tradicional dedicada ao caldo galego por Marietta.

O alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, pechará a festa para dar paso ás actuacións de varios grupos folclóricos galegos e portugueses.