Mourente comeza os preparativos da festa "do mellor caldo do mundo"

Pontevedra
16 de febreiro 2024

O xantar e a festa popular terá lugar o domingo 10 de marzo, se ben as carnes e o caldo se poderán xa degustar o día anterior, o sábado 9 de marzo

Presentación da XXXII edición da Festa do Caldo de Mourente
Presentación da XXXII edición da Festa do Caldo de Mourente / Concello de Pontevedra

A parroquia de Mourente vivirá na segunda fin de semana de marzo a súa cita gastronómica máis importante. A XXXII edición da Festa do Caldo de Mourente ten xa todo preparado e organizado para que veciños e visitantes pasen unha xornada inesquecible.

A concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, presentou este venres este evento no que "se volve falar de Mourente e dunha festa totalmente instaurada no imaxinario colectivo pontevedrés". 

A edil agradeceulles o esforzo a todos os cabaleiros do caldo que fan posíbel esta festa, poñendo en valor "unha tradición galega que nos fai degustar o mellor caldo do mundo".

O presidente da asociación responsable da organización, Santiago Laya, quixo expresar o seu agradecemento ao Concello de Pontevedra, lembrando que sería imposible a súa realización sen o apoio da Administración local. Doutra banda, lembrou o esforzo e o traballo que supón chegar a un número tan alto no referido á celebración, que xa van 32 anos comendo o caldo.

"Esta é unha festa sen ánimo de lucro, cuns prezos moi baxos", lembrou. "Virá xente de todos os lados, máis aló de Mourente e Pontevedra". 

A festa seguirá o camiño doutras edicións, tratanto de ofrecer os mellores servizos e tentando que a xente participante leve un bo recordo da mesma.

Ademais da propia festa, Laya explicou que o sábado, 9 de marzo, realizarase a mostra de capas no Museo de Pontevedra, no Edificio Castelao, que contará cunha visita guiada, para logo ir até Mourente para degustar as carnes xa en preparación para a festa do domingo.