Quen disfrazou as esculturas da cidade?

Pontevedra
17 de novembro 2013

Os integrantes da iniciativa Portal48 realizaron este domingo unha serie de intervencións nas estatuas da cidade. Forman parte da programación de Ponteatro e, en concreto, das actividades para homenaxear a Roberto Vidal Bolaño e promocionar a obra que se representará no Teatro Principal o xoves 21 de novembro, Anxeliños, do grupo Espello Cóncavo

Intervención nas estatuas de Pontevedra para promocionar a obra 'Anxeliños' de Vidal Bolaño PontevedraViva

A estatua de Valle Inclán na praza de Méndez Núñez, as galiñas do Mercado, o forzudo do Fiel Contraste situado tralo Consistorio... Son esculturas que forman parte xa do espazo cotián dos pontevedreses, pero este domingo sorprenderon a veciños e visitantes cunha nova imaxe. Ás 12.00 horas apareceron disfrados. Que lles pasou? Foron vítimas dalgunha broma ou, quizais, dalgunha actividade artística? As preguntas facíanas quen pasaron por elas, pero a resposta está noutro lugar: a actividade cultural da cidade.

As actividades de Ponteatro saíron este domingo do Pazo da Cultura ou o Teatro Principal e chegaron ás esculturas da cidade. Este xoves 21 de novembro a programación inclúe a obra Anxeliños de Roberto Vidal Bolaño e, para promocionala, dende o Pazo decidiuse facer unha serie de intervencións a pé de rúa, realizadas a través dos integrantes da iniciativa cultural Portal48.

A sorpresa que xeraron as intervencións da mañá incrementouse pola tarde. Ás 17.00 horas a intervención chegou á escultura dos nenos da fonte da glorieta de Compostela e á Tertulia da praza de San José e foron moitos os pontevedreses que se preguntaban que pasaba e quixeron inmortalizar o momento cos seus móbiles e cámaras fotográficas.

Trátase dunha particular homenaxe do Pazo da Cultura e o Concello de Pontevedra a Vidal Bolaño que, ademais, pretende difundir a obra do próximo xoves, do grupo Espello Cóncavo. A cita será ás 21.00 horas no Teatro Principal e o prezo da entrada será de oito euros (catro para quen teñen bonificación) e está incluído no abono de quen adquiriron toda a programación de Ponteatro.

Charli é propietario dunha axencia adicada ao cobra de morosos. Leti, filla de Charli; Chema, marido de Leti e xenro de Charli; e Tigre. Integran o censo laboral da axencia. O negocio marcha moi mal, os morosos non pagan e as débedas amoréanse, entre elas, o aluguer do local, propiedade da nai de Sor Anxélica, emperrada en moralizar as relacións da súa nai cos homes e en cobrar o devendito aluguer.

Neste panorama de caos económico xurde a figura de Damian, irmán de Charli, un gasnter retornado dos Estados Unidos lodo de terse fugado aló con Carme, esposa de Charli e nai de Leti. Damián, un auténtico profesional do crime, un tipo duro con métodos expeditivos e contrastados, ofrécelles os seus servizos para reflotar a axencia. Só lles pon unha condición: teñen que acabar con Carme, condenada a permanecer en estado vexetativo. E ten que facelo Charli. Pero Charli, que odia a Damián por terse fugado con Carme, inicialmente rexeita o trato. Posteriormente, urxido pola situación dos seus, rematará facéndoo...