Todas aquelas persoas de entre 18 e 30 anos de Pontevedra que queiran participar no grupo 'Teatro con Lingua' teñen xa aberto o prazo de inscrición.
A iniciativa, promovida desde o departamento de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, bota a andar o 5 de febreiro no Centro Sur, en Campolongo.
Os ensaios serán cada mércores de 19 a 21 horas ata o 25 de xuño. Unha vez rematado o curso, o grupo fará unha montaxe final aberta ao público.
As prazas son limitadas e o prazo de inscrición está aberto a través do correo [email protected] indicando nome completo, idade, teléfono de contacto e enderezo electrónico.
Esta proposta, que xa tivo experiencias previas, busca dinamizar o uso do galego entre a xente nova, de 18 a 30 anos, a través da improvisación e da creatividade teatral.
Os obxectivos da actividade son achegarse ao teatro amador improvisado en lingua galega, dinamizar o uso oral da lingua galega entre a xente nova e promover o galego como lingua de socialización.
Ademais, busca estimular a creatividade e reflexionar con ollada crítica sobre diferentes temas.