RADIO.- A guionista e cómica Henar Álvarez vén con 'Ansia'

Pontevedra
16 de maio 2024

Henar Álvarez é unha muller coñecida como humorista e guionista, tanto en radio como podcast ou televisión. Debutou como escritora cunha novela gráfica e recentemente puxo no mercado 'Ansia'.Charlamos con ela no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio

Falamos en PontevedraViva Radio con Henar Álvarez promociona a recente novela 'Ansia'
Falamos en PontevedraViva Radio con Henar Álvarez promociona a recente novela 'Ansia' / PontevedraViva

A actividade profesional de Henar Álvarez pasa polo modo multitarea: guionista, presentadora en televisión e radio, blogueira, podcaster, humorista, columnista e engade a de escritora. Nestas lides debutou cunha novela gráfica, 'La mala leche' e agora promociona 'Ansia'.

Charlamos no podcast 'Cara a cara' con esta popular muller cuxa voz recoñecerán quen escoite 'Buenismo bien', 'Estirando el chicle' ou 'El olimpo de las diosas'.

Preséntase a Natalia, a protagonista de 'Ansia', como a unha muller deste momento. Unha muller libre, errática e imperfecta. "Necesita ter todas esas arestas, se non non se terían en conta os seus actos como ser humano senón como outra cousa ao servizo dos demas que é o que pasa moitas veces coas mulleres, que por iso penalízaselles tanto certas cousas", explica. Libre, errática, imperfecta e vengativa, "que é un sentimento moi humano tamén", engade.

Quere deixar constancia dunha cuestión: "eu non son Natalia" di Henar. Esta é unha muller "cun irreprimible desexo sexual e unha obsesión crecente por sentirse moza e atractiva que acabarán por controlar a súa vida, pero tamén lle servirán de inspiración para 'Ansia', a novela que está a escribir". Diferentes, pero iso si, Natalia e Henar chegan a un mesmo final, esta novela. 

Ademais de insatisfaccións amorosas en 'Ansia' tamén hai relacións de poder e sobre iso pon outro acento a autora: "non hai nada que nos faga perder o control tanto como que nos toquen o ego. Sentir que tes o control sobre algo e que cho quitan". Quen siga a Álvarez saberán que o humor e a reivindicación dos dereitos da muller son dúas extensións súas e neste título, unha constante.

A charla completa pódese escoitar e descargar desde a web de PontevedraViva Radio e tamén está dispoñible para escoita desde a ligazón que se adxunta.