RADIO.- A playlist de... Alberto Busto: a chispa dun trompetista que actuou xunto a Sting

08 de maio 2021

Alberto Busto Castaño aglutina unha ampla formación e experiencia musical. Como trompetista compartiu escenario con infinidade de bandas de música e como director levou a batuta coa Banda Xuvenil de Barro. En PontevedraViva Radio comparte máis que a súa playlist

Alberto Busto comparte a súa playlist en PontevedraViva Radio
Alberto Busto comparte a súa playlist en PontevedraViva Radio / PontevedraViva

Alberto Xesús Busto Castaño naceu en Catoira, alí foi compañeiro de colexio doutro músico, Roi Casal. De vocación temperá, enseguida canalizou a súa formación académica en Música e formou parte de múltiples bandas municipais, dentro e fora de Galicia. Actualmente dedica o maior tempo da súa profesión para ser trompetista na Banda Municipal de Música de Santiago.

Reside en Pontevedra desde hai uns anos por amor; ou se se prefire maior pragmatismo, para estar xunto á súa parella, Susana, no lugar onde conseguiu a súa praza laboral e afirma que  "aquí non se está nada mal". O de facer o primo, ten unha connotación negativa; no caso de Alberto Busto, exerce de tal por decenas e acompañado de connotacións e denotacións absolutamente positivas.

Hong Kong, Barro, Pontevedra ou Granada son emprazamentos onde se subiu aos escenarios e que son, desde varias perspectivas, escenarios coa súa historia e compárteas neste podcast de PontevedraViva Radio. O granadino foi o máis  idílico. Alí ofreceu un concerto multitudinario nin máis nin menos que con Sting.

Hai unha chispa que acompaña a este trompetista e director, con e sen batuta. Outro 'Chispa', a pesar de non estar xa  carnalmente, permanece con Alberto. Segundo os gregos, un morre definitivamente cando non hai ninguén que che lembre e no invitado da Playlist  hai recordos para sempre.