RADIO.- A playlist de... Belem Tajes García: A felicidade sobre o escenario

Pontevedra
15 de decembro 2018

Belem Tajes foi a voz de Luar na lubre. Agora xunto a Maritxinha son Vudú. Novas expresións da música galega. Tras a súa presentación no Culturgal pon banda sonora á Playlist de PontevedraViva Radio

Belem Tajes, xunto a Maritxinha forman Vudú
Belem Tajes, xunto a Maritxinha forman Vudú / Mónica Patxot

Cantante, compositora e instrumentista. O primeiro concerto de Belem Tajes García foi apenas hai sete anos. Empezou co coro Sisters in the house, seguiu con The Zipper, Pesdelán e no 2017 pasou a ser a voz de Luar na lubre,"un soño cumprido" di en PontevedraViva Radio.

Un ano antes comezara o proxecto de Voodoó, que agora a piques de terminar o 2018 presenta o seu primeiro disco, tras dous EPs, 'Vudú vol III'. Xunto a Maritxinha fan unha nova expresión da música galega que denominan 'soulk'. 

Toca o violoncelo, o piano, a guitarra, a gaita, a pandeireta, o tambor e o tamboril. E é que ademais da súa formación de Conservatorio e Musicoterapia, a música tradicional galega córrelle polas veas.

O seu avó materno foi gaiteiro, ademais de emigrante en Bos Aires, como os seus pais; e como ela, bonaerense de nacemento e residente ata os seis anos. Da capital arxentina regresou ás orixes familiares: a aldea de Arou en Camariñas. Nun lugar pequeno descubriu "un mundo novo".

Muller de poñerse retos contínuamente, declárase tamén comprometida co galego. Algo que "se me foi metendo no corpo", despois de que lle prohibisen usalo nas clases que impartía - tamén estudou Maxisterio-.

Di nesta Playlist que ten "moitos amores musicais" e que terminará o ano nun bo momento. Nun bo momento e ademais peculiar. Será xunto ao seu irmán, e desde moi moi moi alto.