RADIO.- A playlist de... Miguel Froján: Un primeiro disco editado, pero ademais unha ilusión conseguida

Pontevedra
06 de marzo 2021

Editar un primeiro disco, sen dúbida, conleva cumprir unha ilusión. No caso de Froján, ou de Miguel Froján, compositor, voz, guitarras e trompa do grupo, esa ilusión é unha consecución vital que non esquecerá nunca. Este mozo caldense pon nome e música á Playlist de PontevedraViva Radio

O músico Miguel Froján, protagonista da Playlist en PontevedraViva Radio Mónica Patxot

Miguel Froján Castro comezou o seu vínculo coa música aos tres anos. Agora con 21 ultima o Grao Superior de Trompa en Vigo, que comezou en Salamanca; e pasou seis anos estudando no Conservatorio Profesional de Pontevedra, polo que tamén toca guitarra e violín. Pero que ninguén se confunda, A playlist que escolleu é total e absolutamente rockeira

Antes que a súa actual formación musical, houbo outros grupos como Bourbon ou Cabina 402. Agora, o seu grupo leva o seu apelido: Froján e acaba de editar o seu primeiro disco, 'Huir'. Doce cancións que compuxo durante o tempo que se prolongou o confinamento domiciliario este pasado 2020. Resulta chocante, poderíase dicir que excepcional, é escoitar a unha persoa dicindo "eses tres meses foron os máis bonitos da miña vida". 

Nese punto, Miguel Froján, relata unha experiencia vital que o marcará, sen dúbida, para sempre. Experiencia dura, íntima, da que fala con rotunda enteireza e que é aleccionadora para calquera que escoite este podcast de PontevedraViva Radio.

Na portada de 'Huir' aparecen un bufo e un oso. Dise que as aves nocturnas simbolizan a sabedoría interna e que atoparse cun bufo nun sinal de boa sorte. O oso está vinculado á fortaleza para vencer ás adversidades e combina a dotes de lider cos momentos de desconexión co exterior, de introspección. Así é Miguel Froján.