RADIO.- Entramos nun 'Cara a cara ' entre a épica amorosa e a sexualidade feminina con Luz Gabás e Cristina Campos

Pontevedra
13 de novembro 2022

Falamos en PontevedraViva Radio coa gañadora e a finalista do Premio Planeta 2022. Luz Gabás con 'Lonxe de Luisiana' e Cristina Campos con 'Historias de mulleres casadas'

Luz Gabás (esquerda) e Cristina Campos, gañadora e finalista do Premio Planeta 2022
Luz Gabás (esquerda) e Cristina Campos, gañadora e finalista do Premio Planeta 2022 / EFE / Lavandeira Jr.

Temos un 'Cara a cara' por partida dobre e ademais a dobre partida gañadora. Con motivo da promoción por Galicia de Luz Gabás e Cristina Campos, falamos con elas en PontevedraViva Radio

A novela gañadora do Premio Planeta 2022  'Lejos de Luisiana' de Luz Gabás ten un escenario articulado polo río Misisipi e unha trama narrativa articulada por unha relación amorosa protagonista, a de Ishcate e Suzette. E entraña aventuras, unha maldición, tamén outros amores entre personaxes e vínculos afectivos coa terra, coa orixe. É unha novela e toda unha enxeñería de documentación na que estivo inmersa durante dous anos. Un inxente traballo do que tamén goza como nos conta no podcast.

Cristina Campos tivo a ousadía de presentarse ao premio literario máis reputado e remunerado en España, cun eixo temático que soporta un lastre sociocultural histórico tan pesado, que falar de sexualidade feminina, aínda require de moita didáctica construtiva. E en 'Historias de mujeres casadas', a finalista do Planeta faio na voz de catro mulleres que pasan dos corenta anos.

Entra en relacións amorosas, autoamorosas, infidelidades, sexualidades senior, identidades sexuais, amizades, ... de mulleres sobre todo e de homes como os que poden abrir esta novela e sentirse identificadas e identificados, sorprendidas e sorprendidos; e ata ofendidas e ofendidos, que de todo haberá cando se fala de sexualidade feminina coa naturalidade da vida mesma.