RADIO.- Escribiuse un crime, foi en Pontevedra e en Semana Santa

Pontevedra
28 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Este avogado e profesor porriñés leva fincado en Pontevedra máis de dúas décadas. En 'As vidas do río' debuta como escritor de novela con Galaxia e cunha homenaxe á cidade do Lérez. Charlamos de novo con Xulio Teixeira en PontevedraViva Radio

Xulio Teixeira coa súa primeira novela 'As vidas do río' PontevedraViva

Xulio Teixeira Rodríguez volve a PontevedraViva Radio en solitario, sen a compañía das súas dúas fillas. A ocasión anterior os tres presentaron o libro 'Os números viaxeiros', escrito a seis mans. Esta vez é Xulio quen trae a súa primeira novela, 'As vidas do río' que publica con Galaxia.

O autor é avogado e profesor de Dereito na Universidade de Vigo. Xa escribía, pero sempre poesía, de noite e no móbil. Foi durante o confinamento da pandemia do 2020 cando, sen intención de publicar e en 35 días terminou este thriller.

É oriúndo de Porriño, pero vive en Pontevedra. 'As vidas do río' leva á súa portada, non por casualidade, o santuario da Peregrina e a escultura de Ravachol.

Avanza Teixeira no podcast 'Cara a cara' que "o que buscaba en certa maneira era unha homenaxe a esta cidade que me acolleu fai máis de vinte anos e coa que síntome totalmente identificado; non só pola cidade en si que é preciosa, senón tamén polo modelo de cidade". Unha homenaxe que non difumina os lugares que aparecen e cuxos personaxes tamén poden resultar recoñecibles. Como exemplo, Silvio Lores a quen pode soar?.

Outro elemento da novela que a fai recomendable para este momento preciso do ano en que estamos é que temporalmente está ambientada durante a Semana Santa. Un crime, ou máis, na cidade do Lérez e que investigan o comisario Serafín Freixeiro e o subinspector Alvaro Casas, "unha especie de Sherlock Homes e Watson ou Don Quixote e Sancho Panza". Unha historia de intriga na que tamén se atopa humor e crítica, económica, política e relixiosa, para todos hai.

O podcast pode escoitarse desde a ligazón que se adxunta. Tamén se pode descargar e escoitar, como o resto de programas anteriores, desde a web de PontevedraViva Radio.