Maek e Sito Flores conforman Trendy Soft Soda. Levan máis dun ano traballando no que vai ser o seu primeiro álbum, 'Chapoteo'. Esta fin de semana preséntano en directo e seguidamente estará dispoñible en plataformas dixitais. Antes pasáronse polo 'Cara a cara' para coñecer mellor a estes dous mozos oriúndos de Samieira, Poio.
Cada un pola súa conta facían a súa música antes de 2018. Coincidían en influencias dos xéneros urbanos daquel momento como Pimp Flaco, Hwoarang, Dellafuente ou La Mafia del Amor. En 2021 presentaron o tema que maior repercusión lles deu ata o de agora: 'Money talk'.
Con el deron tamén outro paso e crearon un grupo de traballo artístico ao que chamaron5274 contando con Marko Otero (cámara), Joel Costas (deseñador gráfico) e Samuel Moldes ("o que pon orde de cando en vez"). A eles súmanse colaboracións puntuais como foi o caso de Víctor Pazos.
Do mesmo xeito que os xéneros urbanos de finais da década pasada, Trendy Soft Soda tamén evolucionou e o resultado é 'Chapoteo', con catorce temas. Un traballo no que soa reguetón, hiperpop, deep house e ata experimentan co bolero.
Por agora - e ata a medianoite do domingo - o único que avanzaron é 'Si no sales' un reguetón que se pega como a calor no verán e que desde esta semana pódese escoitar e tamén ver o correspondente videoclip gravado nun recoñecible emprazamento pontevedrés.
Nada que envexar a cantidade de nomes que se coan no mainstream. A presentación de 'Chapoteo', este sábado 15 no Fifty Club de Pontevedra ás 22.30 horas.
O podcast completo pódese escoitar na ligazón que se adxunta e tamén descargalo desde a web de PontevedraViva Radio.