RADIO.- Gonzalo Giner marida historia, arte, ciencia, desexos e moita acción en 'La sombra de los sueños'

Pontevedra
08 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O veterinario e escritor madrileño mestura ficción e realidade nunha historia na que os soños tamén teñen os seus claroscuros. Fálanos en Pontevedraviva Radio da súa última novela na que non faltan os cabalos, unha das súas paixóns

Gonzalo Giner, escritor e veterinario
Gonzalo Giner, escritor e veterinario / Javier Ocaña

Sara Ludwig é unha sofisticada ladroa de arte. Tras o seu último roubo, un valioso Manet, contacta con ela o emir Jalid bin Ayud, un apaixonado amante dos cabalos que, conquistado polo seu talento, pídelle axuda para levar a cabo un obxectivo incriblemente ambicioso e arriscado. Para logralo, Jalid necesita emprender tamén unha complexa escavación nunha convulsa Siria e reunir o empeño dun home de ciencia, curto en escrúpulos e con escasos límites éticos á hora de proceder. Só así, o emir poderá facer realidade unha longa obsesión coa que pretende sorprender ao mundo e reescribir o pasado.

Esta é a sinopse da última novela do veterinario e escritor Gonzalo Giner, 'La sombra de los sueños', con quen falamos no podcast 'Cara a cara'. Unha novela presentada como un empratado con múltiples ingredientes acertadamente maridados, "un gran quebracabezas onde o ilusionismo ten moito que ver", defínea o autor.

En 'La sombra de los sueños' hai historia, hai arte, hai ciencia, diferentes escenarios temporais e espaciais, e moita aventura. Porque esta é unha novela "de aventuras, de acción, de suspense, un anaquiño de thriller e onde tamén hai unha parte de novela histórica, aínda que non é unha novela histórica. É unha novela de acción", precisa o escritor madrileño.

Nunha das referencias históricas recupera á persoa de Saladino, "o hérose musulmán máis grande da historia" como o sinala Giner. Saladino compartía unha paixón con este veterinario, os cabalos, que igualmente teñen o seu protagonismo neste libro que acaba de publicar. O podcast pódese reproducir desde a ligazón que se adxunta e igualmente escoitar e descargar desde a web de PontevedraViva Radio.

Ministerio de Cultura. Dirección Xeral do Libro, do Cómic e da Lectura