RADIO.-Javier Lago convida a recuperar a ilusión da infancia con 'Lo contaré en la Rolling Stone'

Pontevedra
20 de outubro 2021

O cantante e compositor pontevedrés Javier Lago estrea en todas as plataformas o seu último sinxelo. Chega xunto a un videoclip no que fala de recuperar ilusións e grandes soños. Cóntanolo en PontevedraViva Radio

Javier Lago volve a PontevedraViva Radio co seu novo proxecto musical
Javier Lago volve a PontevedraViva Radio co seu novo proxecto musical / PontevedraViva

'Lo contaré en la Rolling Stone' é unha canción que se adhire como o pegamento de contacto. É o último proxecto musical do cantante e compositor pontevedrés Javier Lago López. Un tema co que pretende "recuperar esa ilusión de neno que se vai perdendo coa madurez, esa inxenuidade dos soños grandes", explica neste podcast do 'Cara a cara'.

Fainos un exercicio de memoria e introspección, profesional e persoal, desde a súa última visita a PontevedraViva Radio a hoxe. Nese discorrer temporal apunta ao 2019, cando tomou a dedicisión de "dedicarlle máis tempo ao que máis feliz faime que é a música". Chegou o caótico 2020 cuxo rebufo lle supuxo "un importante bloqueo" creativo. Sobreposto, "agora estou a volver a sintonizar co meu Javier prepandémico".

Desde o pasado xoves 14 está dispoñible en todas as plataformas musicais e vai acompañada dun vídeoclip - que dada a súa formación universitaria audiovisual tamén dirixiu e editou - e para o que se rodeou dun equipo de confianza, repleto de nomes pontevedreses. "Rodouse o pasado marzo coas restricións que ese momento marcaba. Quizá se se gravase agora ou máis adiante sería outra cousa".

Ademais de escribir, compoñer e o traballo audiovisual, tamén traballou na súa presenza dixital: conta coa súa web, canle de Youtube e redes sociais. A 'Lo contaré en la Rolling Stone' aínda lle falta un percorrido ata final de 2021. De momento é un sinxelo "pero hai máis cousas que están a apuntar para o novo ano".