Manu Di Noto Gálvez é un mozo caldelán, estudante de terceiro curso de Administración e Dirección de Empresas e ocupa este 'Cara a cara' polo seu quefacer como produtor de música electrónica. Unha actividade recente coa que acaba de fichar polo selo Clipper's Sounds. Un selo que xa incluíra na súa lista de produtores musicais a outro caldelán, Brais Orx.
Estar dentro deste selo musical deulle visibilidade. Grazas a isto, explica, puxéronse en contacto con el desde Os40Dance para gravar unha sesión para eles, "tamén dá acceso a outros selos e a colaborar con outros artistas". Manu escoitaba este xénero musical desde a adolescencia. Foi durante o confinamento de 2020 cando de forma autodidacta comezou a aprender a producir e en 2021 publicou a súa primeira canción en colaboración cun produtor indonesio, Ronie Joe, titulada 'Closer'.
O seu estilo como produtor electrónico vai polo 'slap house' e 'deep house', subgénero "que en España non é moi coñecido, pero que en países como Alemaña, Turquía ou Bélxica está moi de moda". A súa última producción é 'On my skin'. Picar en directo aínda non o probou, "a parte de dj é algo que teño que potenciar, igual no verán pico nalgún local de Pontevedra ou Vigo".
A xanela aberta da internet e as estatísticas das plataformas de streaming permítenlle estar ao tanto das tendencias de cada momento e lugar. Na mesma semana en que nos visita en PontevedraViva Radio pechou colaboracións co artista alemán Bastle, a canadense Ticia e o turco Kaan Pars "que xa contan con millóns de oíntes". Polo de agora as súas dúas composicións están subidas a todas as plataformas musicais, basta con teclear o seu nome.