RADIO.- O AI Song Contest pon a Galicia no foco mundial e concursa cunha Ana Kiro reinterpretada con intelixencia artificial

Pontevedra
02 de novembro 2023

Este concurso internacional, secuela do Festival de Eurovisión, celébrase por primeira vez de forma presencial na súa cuarta edición. Será na Coruña e Galicia está seleccionada entre os dez finalistas. En PontevedraViva Radio o seu produtor executivo, Joel Cava, explica que pretende o AI Song Contest e como será o evento previsto para este 4 de novembro

Joel Cava é productor executivo do AI Song Contest 2023
Joel Cava é productor executivo do AI Song Contest 2023 / PontevedraViva

Este sábado 4 de novembro A Coruña acolle a cuarta edición do AI Song Contest. O Festival da Intelixencia Artificial aplicada á música, unha convocatoria intercontinental que "promove un diálogo entre artistas e algoritmos para crear unha canción comercial que poida ser escoitada por todos". Falamos no podcast 'Cara a cara' desta convocatoria, que pon a Galicia no foco mundial, con Joel Cava, produtor executivo e representante da delegación galega do evento.

O AI Song Contest xurdiu en Países Baixos en 2020, fatídico ano pandémico que levou ao traste a celebración que organizaba aquel país. Desde entón continuou anualmente en streaming ou cun formato híbrido. Será este 2023 e na cidade herculina candosexa por primeira vez totalmente presencial, "o que eleva ao festival a unha categoría maior", sinala Cava. O motivo que teña lugar en Galicia é porque na pasada edición quedou en segundo lugar coa canción 'Ailalelo' do colectivo PAMP!

Para a presente edición repite PAMP! co tema 'Florespiña' interpretado por Ana Kiro. "Quixemos facer unha homenaxe á persoa máis representatitva da música galega, porque sempre foi unha muller moi adiantada ao seu tempo para defender os seus valores de galeguismo, progresismo e feminismo. E foi teimuda para defender o que pensaba", explica Joel Cava. Esta proposta compite con outras nove procedentes Reino Unido, Portugal, Estados Unidos, Canadá, India, Suecia, Alemaña, Países Baixos e tamén España.

Ademais do propio concurso e festa xa coñecidos por Eurovisión, tamén terá lugar un congreso académico. Quen non poida acudir presencialmente pode seguilo en streaming a través de RTVE Play ou pola canle oficial do festival. O podcast completopódese escoitar na ligazón adxunta e tamén descargalo na web de PontevedraViva Radio.