RADIO.- O marinense Seso Durán trae pop, rock e "algún toque indie" co seu segundo disco, 'Ascensión'

Pontevedra
20 de abril 2022

Este mércores 20 xa está dispoñible este novo traballo musical co que iniciará xira. Falamos en PontevedraViva Radio con este profesor, compositor e historiador, cuxo primeiro traballo en solitario foi o disco temático 'Son da memoria'

O marinense Seso Durán trae a PontevedraViva Radio o seu novo disco 'Ascensión'
O marinense Seso Durán trae a PontevedraViva Radio o seu novo disco 'Ascensión' / Mónica Patxot

'Ascensión' é o segundo disco en solitario do profesor, compositor e historiador marinense Seso Durán, quen formou parte do recoñecido grupo folk Liorna. Este 20 de abril xa está dispoñible e o próximo 29 presentarase en directo en Vigo. Musicalmente "é pop, rock, ten algún toque indie, ten algunha canción coa sonoridade da música melódica e outras cun concepto máis acústico" e as letras teñen temática diversa.

Un lp que tras a súa parte persoal de composición, tomou forma cun triunvirato: a do propio Seso, a de Iago Lorenzo como produtor - que produciu a grupos como Heredeiros da Crus, Furious Monkey House ou Agorafobia - e o baterista José Bruno, 'O neno Bruno', que tocou con Joaquín Sabina, Andrés Calamaro ou Leiva. Ademais a masterización púxose en mans de Robin Schmitd - por cuxo estudo de son pasaron nomes como Keane, Paul Weller ou Liam Gallagher -.

A pesar das distancias que imprimiron o momento do proxecto, un dos logros dos que fala Seso Durán no podcast  'Cara a cara' é "conseguir que soase a banda en directo, soa moi a verdade". E nesta banda intégranse ademais teclados, un baixo, tres guitarristas - uno deles Manu Conde de Milladoiro -, e as voces de Olga Lalín, Sabela Cereijo, Laura Taka e Sandra Lima. Haberá xira de 'Ascensión' e "seremos unha banda de cinco músicos, cun coro de voces femininas en determinados momentos".

Falamos tamén en PontevedraViva Radio de Liorna e do traballo musical anterior, editado en 2017 e que foi 'Son da memoria'. Un disco centrado temáticamente nos feitos da contenda civil tras o golpe do 36 e co que axuntou as súas dúas paixóns: "a música e a historia confluíron en algo tanxible". Un disco conceptual que este próximo xuño concluirá a súa xira na Coruña.