RADIO.- Pontevedra serve de escenario á historia de 'Stricta funis. En la cuerda floja', primeira novela de Perfecto Luís Souto

Pontevedra
20 de marzo 2022

O pontevedrés Perfecto Luís Souto Torres trae a PontevedraViva Radio a súa primeira novela, 'Stricta funis. En la cuerda floja', onde uns restos arqueolóxicos atopados nunha avenida de Pontevedra son o punto de partida da trama

Perfecto Luis Souto Torres no 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio
Perfecto Luis Souto Torres no 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio / PontevedraViva

Perfecto Luís Souto Torres sitúa a Pontevedra como principal escenario da súa primeira novela 'Stricta funis. En la cuerda floja'. Dúas personaxes protagonízana, o arqueólogo Arsenio de la Piedra Santas e o prefecto de Roma Sexto Vario Marcelo. A trama emerxe dunhas obras de ampliación nunha avenida de Pontevedra, onde se atopan unha cámara mortuoria.

Unhas obras e uns achados arqueolóxicos que puideron ser os emprendidos xunto á ponte do Burgo en 1988. Neste podcast 'Cara a cara' o autor explica eses vínculos da historia recente desta capital coa súa ficción novelada. É un traballo literario que tiña en mente desde entón e ao que deu forma nos dous últimos anos acompañado dunha inxente labor de investigación para precisar as pasaxes narradas na Roma do século III DC.

'Stricta funis. En la cuerda floja' non será a súa única novela xa que ten desenvolta unha segunda e terceira parte da mesma. Polo momento, o próximo 9 de abril presentará este debut como escritor nunha vinoteca do centro histórico pontevedrés na que intervirá o arqueólogo e conservador do Museo, Antonio de la Peña e o cantautor local Daniel Gómez

Durante a charla que mantemos con este pontevedrés en PontevedraViva Radio mergullámonos baixo a auga para coñecer ata onde alcanza unha das súas aficións, a arqueoloxía submarina. Perfecto Luís Souto é parte dun equipo profesional que logrou o pasado 2021 descubrir o primeiro astrolabio en augas galegas, concretamente na ría de Viveiro.