RADIO.- Só houbo un milagre e está en 'El valle del hierro'

Pontevedra
20 de maio 2024

Un milagre ocorrido en Euskadi no século XVI e recoñecido pola Igrexa un século despois deu pé a esta novela de Ane Odriozola. Un milagre para uns, un castigo por traballar en domingo para outros. É a orixe, pero uno dos elos de dúas historias que se cruzan e falan de conflitos familiares e loitas de poder. Todo isto no podcast 'Cara a cara' de PontevedraViva Radio

Ane Odriozola fala da súa novela 'El valle del hierro' / NdeNovela

No podcast 'Cara a cara' seguimos coñecendo a nomes do ámbito literario. Neste capítulo descubrimos a Ane Odriozola que publica na colección NdeNovela 'El valle del hierro'. Non é o seu primeiro libro, de feito é o cuarto xa. Precédelle unha triloxía ambientada na súa terra, Guipúzcoa. Achegámonos a esta escritora que dedica a súa actividade laboral ao Servizo de Atención ao Cidadán.

Na Euskadi do século XVI dúas historias entrecrúzanse. Dunha parte a que ocorre en Legazpia, onde Domingo Harria, carboeiro, desaparece unha noite cando segundo a súa muller Asencia, ía cara á ferrería dos Plazaola, para a que traballaba. Doutra parte en Vitoria, un zapateiro, Ginés Ruiz de Azúa, atópase cunha nena que levará por nome Jurdana.

Os conflitos familiares, o amor, a amizade e a loita de poderes cosen esas dúas historias. Ademais, a historia dunhas orixes, os da industria siderúrxica do País Vasco; e un milagre, o milagre da Cruz de Hierro ocorrido en 1580.

Con Ane Odriozola charlamos deses potentes personaxes femininos nunha sociedade na que a muller estaba silenciada e relegada, da documentación histórica da novela, de como lle xurdiu a formulación desta novela ou desa pregunta que rolda 'El valle del hierro': "Que é máis doloroso? que che craven un coitelo ou dar a volta e descubrir quen cho cravou?".

O podcast completo está dispoñible para a súa reprodución e para descarga na web de PontevedraViva Radio e tamén se pode escoitar desde a ligazón que se adxunta.