RADIO.- Unha mestra do thriller engade o seu quinto título ás librerías

Pontevedra
01 de xuño 2024

A popular xornalista e escritora Carme Chaparro volve ser implacable cos seus lectores. Outro absorbente thriller para cortar a respiración. Charlamos de novo con ela en PontevedraViva Radio para entrar en 'Castigo'

Carme Chaparro fala en PontevedraViva Radio da súa última novela, 'Castigo'
Carme Chaparro fala en PontevedraViva Radio da súa última novela, 'Castigo' / PontevedraViva - Hugo G Pecellín

Na súa primeira novela, 'No soy un monstruo', Carme Chaparro conseguía cortar a respiración dos lectores ao poñerlles fronte á infancia como vítimas do seu relato. Volve facelo en 'Castigo' evidenciando as súas virtudes como autora de novela negra

Falamos no podcast 'Cara a cara' coa popular xornalista. Fai case exáctamente un ano conversabamos con ela con motivo da publicación de 'Delito', o thriller anterior co que deu vida ao forense Santiago Munárriz, ás xornalistas Berta Gigliani e Iluminada Mellado e ao hacker Chiqui. Os catro incorpóranse agora a 'Castigo' coas súas novas circunstancias persoais e profesionais. Con eles Nines, unha muller que no día do seu aniversario esperta e agarda a reiterada cerimonia do seu fillo Jaime para felicitala. Con todo, o que atopará é a orella do neno dentro dun paquete de agasallo.

Paralelamente a esta intriga principal, Chaparro introduce debates como a maternidade, a muller e os cargos profesionais de responsabilidade, o tratamento da crónica de sucesos nos medios de comunicación e concretamente na televisión, o sufrimento infantil, as mulleres descarriadas, ou a intelixencia artificial. Xornalista e escritora da man para non deixar escapar a atención dos seus lectores nin unha soa páxina. Adictiva unha vez máis e xa van cinco.

Na anterior ocasión que contamos coa autora apuntaba que a promoción de 'Delito' coincidíralle cunha mudanza e esta vez, tamén se está adaptando a outro cambio. Mudou de horarios e empezado a presentar o informativo matinal de Telecinco. O podcast completo está dispoñible para escoita e descarga na web de PontevedraViva Radio e tamén se reproduce desde a ligazón que se adxunta.