RADIO.- Uxía e Javier, Rosalía e Lorca, soben este sábado ao escenario do Teatro Principal

Pontevedra
23 de marzo 2023

Os cantautores Uxía Senlle e Javier Ruibal ofrecerán o concerto 'Da túa casa á miña' dentro da programación de 'As Matinés do Principal'. Charlamos coa artista mosense en PontevedraViva Radio

Javier Ruibal e Uxía Senlle
Javier Ruibal e Uxía Senlle

O ciclo musical de mediodía 'As Matinés do Principal' traen a Pontevedra este próximo sábado 25 a Uxía Senlle e Javier Ruibal co proxecto conxunto 'Da túa casa á miña'. Trátase un disco que editaron hai un ano no que musican poemas de Rosalía de Castro e Federico García Lorca, fusionando sonoridades diversas, non só do noroeste e sur peninsular.

Levan desde entón virando por escenarios da xeografía española e que comezaron en Santiago como lembra no podcast 'Cara a cara', Uxía Senlle: "a presentación en Santiago foi especialmente emocionante. Despois estivemos en cidades como Zaragoza, Vilagarcía, Madrid, Granada, Málaga, Cádiz... Esperemos que continúe porque temos varias datas previstas" e unha vez que o artista gaditano superou os contratempos de saúde que obrigaron a facer unha pausa na xira.

Javier Ruibal é un dos cantautores de prestixio no panorama actual. Adapta o flamenco de forma moi persoal ao seu repertorio. Colaborou con múltiples artistas "e é moi admirado polos seus compañeiros de oficio aínda que non teña a popularidade doutros cantautores que están máis presentes no mainstream", di a cantante mosense.

No escenario acompáñanlles Marcos Teira na guitarra; Sergio Tannus co cabaquinho e guitarra e Javi Ruibal (fillo de Javier) nas percusións.  Ademais da interpretación musical, o espectáculo está acompañado dunha proxección con Lorca e Rosalía. Ao rematar o concerto, Uxía e Ruibal abrirán unha charla aberta co público asistente.

Podes escoitar o podcast completo nesta ligazón ou tamén escoitalo e descargalo na web de PontevedraViva Radio.