As Matinés do Principal, o ciclo matinal de música do Teatro Principal, ofreceu este sábado un espectáculo dunha beleza exquisita. De tu casa a la mía, creado por Uxía e Javier Ruibal, encandeou ao público co seu retrato musical de dous poetas universais, Rosalía e Lorca.
Ambos os artistas, que xa teñen unha ampla experiencia poñendo voz e música á obra de poetas inmortais, mostraron sobre o escenario a profunda admiración que Lorca sentía pola gran dama das letras galegas, selando unha especie de irmandade entre ambos.
Este espectáculo, a medio camiño entre un concerto e un recital poético, despregou en Pontevedra a súa fusión de sonoridades diversas, tendendo pontes entre o norte e o sur.
Uxía, unha das grandes voces da música galega, e Javier Ruibal, cantautor que adapta o flamenco ao seu repertorio dunha forma moi persoal, non estiveron só na súa actuación.
Estiveron acompañados de Marcos Teira na guitarra; Sergio Tannus co cabaquinho e guitarra e Javi Ruibal (fillo de Javier) nas percusións.
Ademais da interpretación musical, o espectáculo estivo acompañado dunha proxección relativa a Lorca e Rosalía e ao rematar o concerto houbo unha charla aberta co público.