A Bienal de Arte de Pontevedra, a máis antiga de España, regresou á Boa Vila despois de quince anos de ausencia revelándose como un escenario vibrante de reflexión, debate e celebración da cultura contemporánea.
Segundo asegura o presidente da Deputación de Pontevedra, Luís López, "o verdadeiro artífice" da recuperación da Bienal é o vicepresidente Rafa Domínguez.
PontevedraViva fala con el sobre todo este proceso empezando por de onde sae a idea?
Rafa Domínguez: Cando es de Pontevedra e levas toda a túa vida vivindo aquí, sabes e lembras a importancia que tiña a Bienal para Pontevedra, para a xente da cidade. Dáballe unha identidade distinta. A xente de Madrid coñecía Pontevedra pola gastronomía, Rías Baixas, Sanxenxo, praia…, pero tamén coñecía a Bienal de Pontevedra. Era un refuxio artístico ao que moitísima xente aproveitaba para vir e ver algo tan distinto como é a arte contemporánea, algo que dá tanto carácter. Eu sempre o tiven presente.
Pasaron 15 anos desde que se celebrou a última Bienal
Pasaron 15 anos pero eu non tiven responsabilidades para poder recuperala. Cando tiven a sorte de que gañamos as eleccións en Pontevedra, recuperamos a Deputación para o PP e o presidente nomeoume vicepresidente e ademais deume as funcións do Museo, na primeira reunión, en agosto, acórdome perfectamente, estabamos os dous sós no seu despacho e preguntoume, "ti que queres facer?" E dixen, presidente, eu quero recuperar a Bienal de Pontevedra. É algo que leva 15 anos durmido, vai ser moi complicado... Díxome "adiante, dalle".
É entón cando fai público este obxectivo.
…e empezan a chegar ofertas de todas partes de xente moi válida de todo o mundo que quería vir a Pontevedra. Pero nós entendiamos que esta Bienal tiña que ser nosa, para que vas buscar fóra o que tes na casa? Atopamos a uns comisarios magníficos que son os Antones (Castro e Sobral) e Agar (Ledo) que fixeron un traballo magnífico, e sobre todo atopamos ao persoal do Museo que entenderon perfectamente o que queriamos facer, como queriamos facelo, e conseguimos traer en menos de dous anos a 60 artistas, a metade internacionais.
E elixen unha temática comprometida.
…e moi necesaria: a posición do home ante a guerra, vista polos que sofren a guerra, o conflito visto por eles, iso dálle unha dimensión distinta. É unha Bienal que impacta.

O Museo de Pontevedra é o epicentro pero hai até doce sedes máis distribuídas pola cidade en edificios e monumentos.
É unha Bienal moi ligada á cidade, quen queira vela enteira necesita unha mañá e unha tarde como mínimo, pero ademais logo completámolo con Artes Vivas. Todos os venres hai un evento na cidade. A semana pasada cando vimos polas rúas a trescentas persoas vestidas de branco cantando ópera, iso era parte da Bienal, cando a xente viu á Peregrina iluminada iso era parte da Bienal, un artista que veu de París para facer esa obra, e cada venres vai haber algo. Pero ademais é que a levamos a toda a provincia, a Vigo, Ponteareas, O Grove, Sanxenxo, e ademais hai un ciclo de cine "Arte e guerra", hai conferencias... fixemos unha Bienal moi completa, grazas a todos, á axuda de todos.
Cal é a función que ten que ter a Bienal de Arte?
A Bienal ten unha importancia económica, importante sen dúbida, ten unha importancia cultural, pero dá unha personalidade moi importante á cidade.
A Bienal ten que, primeiro, falar sobre o tema, neste caso é a guerra, e facer reflexionar. Aquí os artistas o que fan é preguntarse, como é posible que no ano 2025 siga habendo guerras aquí á beira? Ou vexamos barbaridades como o asasinato de mulleres, de nenos, vemos cousas que cada día nos deixan pampos e dicimos, como é posible que neste grao de civilización que temos no canto de pensar na cura do cancro esteamos a pensar na guerra? Non ten sentido.
A segunda ten vocación de permanencia e que a xente ligue o nome de Pontevedra á arte contemporánea, e iso imprégnalle dunha personalidade enorme. Eu quero que a xente dentro duns anos diga que en Pontevedra está a Bienal de arte contemporánea. Á parte de que atrae un turismo xeralmente cunha capacidade económica moi elevada, un turismo de moita calidade.
A Bienal reivindica "Volver a ser humanos. Ante a dor dos demais" un obxectivo que parece moi ambicioso. Como pode contrarrestar un artista a situación actual cun mundo fracturado polos conflitos?
Os artistas eu creo que son todos uns utópicos. Eu creo que cada un ten que facer pola paz o que quere facer. Eu dei liberdade absoluta aos comisarios. Xamais tiveron nin unha presión nin a favor nin en contra. Escolleron os artistas que eles entenderon que a súa obra podía achegar algo a esta Bienal. Entón, o que queremos desta Bienal eu creo que é iso, falar da guerra desde o noso modesto punto de vista.
Un artista só axuda, pero si xa son 60 con 400 obras axudan un pouquiño máis.
Se tes ademais o altofalante da Deputación de Pontevedra pois eu espero que alguén reflexione e alguén diga, ostras, é que isto non pode ser. É o que os comisarios e os artistas decidiron.
Para vostede cal é a obra máis impactante da exposición?
Flores para Rwanda, de Paloma Navares, eu creo que é unha obra que impacta porque fala dun xenocidio, de como nas guerras sempre as que máis sofren son as mulleres e os nenos, fala de violacións, fala de asasinatos e ti ves as fotos das vítimas e acaban formando unha obra preciosa. Unha das máis bonitas.
Tamén a de Zehra Doğan, as cartas, os debuxos que facía no cárcere tamén son, eu creo que espectaculares. A do Guernika de Picasso salpicado con fotografías de falecidos en Alepo. Hai moitísimas que impactan. Teñen moita repercusión as fotografías de Robert Capa, a de Hans Haacke que está na fachada do Pazo da Deputación é unha obra que só que veña xa xustifica unha Bienal.

Algún artista rexeitou a invitación a expor a súa arte en Pontevedra
Temos que agradecer a colaboración de todos os artistas. Todos dixeron que si. Todos quixeron estar nesta Bienal e iso é moi bonito. Gústalles que se recupere un espazo como a Bienal, a idea da guerra e da procura da paz, todo iso… non tivemos a ninguén que nos dixo que non a vir a Pontevedra e para min é unha satisfacción.
Unha vez que termine o evento… Quedará en Pontevedra algunha das obras que participaron na Bienal?
Moitas obras hai que devolvelas. Algúns artistas, fixeron a súa obra para esta Bienal e ao finalizar pediron destruíla. Estamos a traballar para que algunhas delas queden. As obras que van ir á Illa das Esculturas vanse quedar e estamos a traballar para que algunha máis quede na cidade e xere un impacto positivo.

Ademais do impacto positivo que de maneira evidente a Bienal está a ter na vida cultural da cidade vostede sinalou que este evento xerará un retorno económico significativo, ten xa algún dato neste sentido?
Aínda non temos cifras reais pero hai un dato que é revelador, o catálogo que estaba deseñado para que durase polo menos un mes esgotouse en tres horas e reimprimímolo tres veces e cada reimpresión son máis de mil catálogos, iso quere dicir que a xente ten interese.
Estamos a facer o estudo, ao final supoño que poderemos anunciar o retorno en números do que supuxo a Bienal para a cidade de Pontevedra e para os sitios onde está. Desde logo o impacto é brutal. Temos xente de Francia, de Italia, que nos preguntou, medios de comunicación nacionais, todos queren vir coñecer a Bienal. E eu creo que o detonante foi cando saíu o nome dos artistas e viron que ten moita entidade, moito renome, expoñen en Nova York, en París, nos mellores museos do mundo. Ollo, isto non é unha cousa de andar por casa, isto ten moito interese e ten pegada.
Quixemos facer tamén unha Bienal pegando unha puñada na mesa dicindo estamos aquí, coidado co que estamos a facer.

A Bienal prestixia á cidade e tamén aos artistas que nela participan.
Todos os artistas queren expor nos mellores sitios. É verdade que hai obras e artistas que, só por participar na Bienal de Pontevedra, van ver revalorizadas as súas obras e prestixiar a súa carreira. É un éxito dos comisarios e do persoal do Museo.
É un reto difícil porque a arte contemporánea non é para todos os públicos aínda que si que está dirixido a iso, pero como que necesita pedagoxía para explicar por que o artista fixo iso, que quixo dicirnos. Eu non sei de arte, pero cando me explican unha obra cambia completamente a miña percepción dela e valóroa moitísimo máis.
Eu convido a todo o mundo a que veñan ás visitas guiadas do Museo. Son espectaculares e danche outra dimensión e vas cun impacto moito máis profundo ao entender todo o que fixeron os artistas.
Dixéronme que xa empezou a preparar a seguinte Bienal
Hoxe tiven unha reunión para falar de aspectos do Bienal do 2027. Agora temos máis experiencia, pero é que a esta Bienal chegamos moi xustos. 400 obras de 60 artistas que veñen de distintos os sitios do mundo, ti imaxína as dificultades que tivemos.
Se me dis hai dous anos cando eu saín dese despacho que a Bienal que iamos facer ía ser tan impresionante como a que temos agora, non che creería.

Bienal de Arte de Pontevedra

Bienal de Arte de Pontevedra

Bienal de Arte de Pontevedra

Bienal de Arte de Pontevedra

Bienal de Arte de Pontevedra

Bienal de Arte de Pontevedra

Bienal de Arte de Pontevedra

Bienal de Arte de Pontevedra

Bienal de Arte de Pontevedra

Bienal de Arte de Pontevedra