Irmandade entre as Bienais de Pontevedra e Venecia

Pontevedra
12 de outubro 2024
Actualizado: 14 de abril 2025

Roberto Cicutto, presidente da Biennale di Venezia, acepta o convite trasladado por Rafa Domínguez para asistir á inauguración da Bienal de Pontevedra

Roberto Cicutto, presidente de la Biennale di Venezia
Roberto Cicutto, presidente de la Biennale di Venezia / Biennale di Venezia

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Rafa Domínguez, conseguiu irmandar as Bienais de Pontevedra e Venecia para fortalecer relacións institucionais e explorar oportunidades de colaboración.

O presidente da Biennale di Venezia, Roberto Cicutto, aceptou o convite trasladado por Domínguez para asistir á inauguración da Bienal de Pontevedra.

Neste primeiro día na cidade italiana, a delegación pontevedresa encabezada polo vicepresidente provincial, visitou o Pavillón de España e a Colección Pinault.

"Pechamos unha xornada chea de información e ideas para a programación non só da Bienal deste ano, senón das vindeiras", remarcou Domínguez, que estará en Venecia ata o domingo convidado pola organización da recoñecida mostra italiana.

A delegación da Deputación, na que ademais de Domínguez atópase parte do equipo comisarial da Bienal de Pontevedra integrado por Antón Castro, Ángeles Tilve e Agar Ledo, tivo a oportunidade de coñecer o pavillón de España na Biennale di Venezia, un dos eventos máis importantes da arte contemporánea.

Nesta visita puxeron o enfoque na curaduría da instalación, nas obras expostas e na propia organización do evento, como inspiración da programación da mostra pontevedresa, da man de Miguel Mallol, o comisario do pavillón español.

Rafa Domínguez con Miguel Mallol
Rafa Domínguez con Miguel Mallol

Xa pola tarde, a delegación pontevedresa coñeceu a colección Pinault, en Punta della Dogana. Esta visita enmárcase, tal e como informou o vicepresidente provincial, na "vontade de abrir a Bienal á participación privada".

Deste xeito, a colección contemporánea de François Pinault é clave para analizar como as coleccións privadas poden establecer colaboracións con institucións públicas, algo que xa aconteceu no Museo de Pontevedra coa mostra ‘A era das fábulas’.

Desde que a Deputación decidiu recuperar a Bienal de Arte de Pontevedra, que volverá na súa edición número 32 o vindeiro ano baixo o título "Volver a ser humanos… Ante a dor dos demais", Rafa Domínguez afirma que está a traballar para impulsar e captar o talento internacional.

En Venecia, a delegación da institución provincial está a establecer sinerxías para seguir traballando no proxecto de reactivación da Bienal de Pontevedra.

Rafa Domínguez na Biennale di Venezia
Rafa Domínguez na Biennale di Venezia

 

Arquivado en