Rafa Domínguez inaugura na UNED "Volver ser humanos", unha cita para pensar, crear e pechar a Bienal de Pontevedra ao grande

Pontevedra
25 de setembro 2025

Unha despedida á altura dunha Bienal que soubo, unha vez máis, conectar co máis profundo do presente

Rafa Domínguez inaugura o Seminario Internacional "Volver ser humanos"
Rafa Domínguez inaugura o Seminario Internacional "Volver ser humanos" / Deputación de Pontevedra

O vicepresidente da Deputación, Rafa Domínguez, inaugurou este xoves na sede da UNED o seminario internacional "Volver ser humanos", un encontro que reúne a destacadas figuras do pensamento e a creación contemporánea, e que pon o punto final á 32ª edición da Bienal de Arte de Pontevedra.

No acto inaugural, Domínguez estivo acompañado por Sergio Martínez Luna, vicedecano de Estudantes da UNED, e polos comisarios da Bienal, Antón Castro e Agar Ledo.

Durante a súa intervención, o vicepresidente definiu o seminario como "un punto de encontro para reflexionar ao redor das guerras actuais que condicionan a vida cotiá de millóns de persoas", destacando tamén o valor da arte, a memoria e o pensamento como ferramentas de resistencia e esperanza.

Rafa Domínguez inaugura o Seminario Internacional "Volver ser humanos"
Rafa Domínguez inaugura o Seminario Internacional "Volver ser humanos"    Deputación de Pontevedra

A tarde do xoves comezou con reflexión e pensamento crítico coas intervencións de Ángela Molina Climent, crítica de arte e filóloga, e Rob Riemen, ensaísta neerlandés e fundador do Nexus Institute, que ofreceron unha mirada profunda e comprometida cos tempos que corren.

As sesións continuarán o venres 26 de setembro coa participación de Alberto Barreiro, artista e estratega; Demetrio Paparoni, crítico de arte e comisario italiano; Emily Jacir, artista, escritora e cineasta palestina; e Miki Kratsman, fotógrafo israelí e fundador de Breaking the Silence, daranse cita na UNED para seguir abrindo debates e miradas.

A clausura, o sábado, porá o broche final coa participación de dúas mulleres imprescindibles no panorama actual: Françoise Vergès, politóloga e comisaria cunha marcada traxectoria antirracista e feminista, e Francesca Ferrando, filósofa especialista en estudos poshumanos e profesora na Universidade de Nova York.

"Volver ser humanos" preséntase así como moito máis que un seminario: é unha invitación a pensar xuntos, a escoitarnos, e a atopar na arte e o pensamento ferramentas para comprender —e transformar— o mundo que habitamos.

Unha despedida á altura dunha Bienal que soubo, unha vez máis, conectar co máis profundo do presente.

Seminario Internacional "Volver ser humanos"
Seminario Internacional "Volver ser humanos"   Deputación de Pontevedra

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en