A Real Academia Galega elaborará un mapa sociolingüístico escolar de Pontevedra

Pontevedra
20 de novembro 2025

O programa 'Modo galego, actívao!' ten como obxectivo axudar aos nenos a usar o galego nos seus espazos de socialización logo de constatar as dificultades polas que atravesa a lingua galega

Reunión para a posta en marcha do programa 'Modo Galego actívao'
Reunión para a posta en marcha do programa 'Modo Galego actívao' / Concello de Pontevedra

O edil de Cultura, Demetrio Gómez, asistiu este mércores á xuntanza convocada por Normalización Lingüística para presentar a posta en marcha do programa 'Modo galego, actívao!' no concello de Pontevedra.

Á reunión, á que asistiron Xaquín Loredo e Gabino Vázquez, técnicos do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega (RAG), asistiu profesorado e equipos directivos dos centros de educación infantil e primaria do concello. Tamén as familias a través das ANPA.

Este programa de dinamización do uso da lingua galega vaino a desenvolver o Concello de Pontevedra a través do servizo de normalización lingüística municipal en colaboración coa RAG e coa comunidade educativa de infantil e primaria do concello.

Ten como obxectivo axudar aos nenos a usar o galego nos seus espazos de socialización logo de constatar as dificultades polas que atravesa a lingua galega.

A diminución do número de galegofalantes é especialmente evidente entre a poboación máis nova dos contextos urbanos e periurbanos.

Na primeira fase do programa está prevista a elaboración do mapa sociolingüístico escolar de Pontevedra (e de cada centro de maneira individual).

Na xuntanza, técnicos do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega explicaron o proxecto, as fases e a metodoloxía para a recollida de datos, na que terán un papel moi importante tanto a comunidade educativa como as familias.

Reunión para a posta en marcha 'Modo Galego actívao'
Reunión para a posta en marcha do programa 'Modo Galego, actívao'    Concello de Pontevedra