Lonxa de versos galaico-portugueses no Mercado de Abastos este sábado 20

Pontevedra
17 de setembro 2025

Trátase dunha nova iniciativa con vocación de continuidade dentro do programa ‘A Pé de Rúa’, que terá lugar ás 19:00 horas con oito poetas e artistas de ambas beiras do Miño

Antón Sobral e Anabel Gulías presentaron 'Lonxa de versos'
Antón Sobral e Anabel Gulías presentaron 'Lonxa de versos' / Concello de Pontevedra

O Mercado de Abastos de Pontevedra ofrecerá un encontro poético transfronteirizo este sábado 20 de setembro ás 19:00 horas.

A concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, e o artista Antón Sobral presentaron esta mércores ‘Lonxa de Versos’, unha nova actividade integrada no programa de dinamización económica e comercial ‘A Pé de Rúa’, que nace con vocación de continuidade.

Durante a rolda de prensa, Gulías destacou que non hai "mellor xeito de poñer no mapa lugares estratéxicos para a economía local, como é o mercado, que a través da creación e da arte".

Neste sentido, sinalou a cultura, a lingua e a arte como "unha das pontes máis presentes" que unen a Galicia e Portugal. 

O acto consistirá nun recital de poesía musicalizado que contará coa participación de catro creadores portugueses e catro galegos.

A achega portuguesa está formada por Joâo Pedro Azul (dramaturgo e editor de Vila do Conde), Aurelino Costa (recitador e compositor que colaborou con Jordi Savall), Elisabeth Oliveira (profesora e poeta) e Olga Santos (xornalista e fotógrafa).

Pola banda galega, estarán presentes Armando González López (cantautor e poeta ourensán), Carmen Quinteiro (poeta, profesora e perfomer), Xaime Toxo (presidente do Ateneo de Pontevedra, investigador e poeta) e Charo Valcárcel (poeta e novelista, veciña de Pontevedra).

A mestra e poeta Carmen Quinteiro
A mestra e poeta Carmen QuinteiroCarmen Quinteiro

Antón Sobral, promotor da iniciativa, agradeceu á concelleira Anabel Gulías por acoller o proxecto "e dicir que sí inmediatamente", así como a Elisabeth Oliveira, a quen definiu como "causante" da proposta ao ser quen lle plantexou a idea e contactou cos artistas portugueses.

Sobral perfilou brevemente a traxectoria de cada participante, sinalando a diversidade e a calidade das súas carreiras, e destacou que todos "recitan extraordinariamente ben".

O artista tamén sinalou que esta actividade serve, nun certo modo, para substituír "en pequeniño" o festival de poesía que viña organizando o Ateneo de Pontevedra e que este ano non se levará a cabo.

‘Lonxa de Versos’ busca ofrecer un pulo cultural ao espazo do mercado, un lugar que Sobral cualificou como "esteticamente unha marabilla", combinando a poesía coa música para dinamizar o centro histórico.

A entrada é libre.