O mercado de abastos ponse as pilas para conquistar novas xeracións da man dun mariñeiro influencer

Pontevedra
03 de setembro 2025
Actualizado: 15:31

A Asociación de Praceiras do Mercado de Pontevedra quere rexuvenecer a clientela que acode á praza de abastos e, en colaboración co Concello, pon en marcha unha serie de iniciativas

Rogelio Santos
Rogelio Santos / Rogelio Santos

O mercado de abastos de Pontevedra quere darlle un aire fresco á súa clientela e, para logralo, preparou un plan cheo de sabor, tradición e… presenza en redes sociais.

A asociación de praceiras, en colaboración co Concello, lanzou unha serie de actividades pensadas para atraer o público máis novo e recuperar a conexión cos produtos do mar e da terra.

Begoña Laya, presidenta da asociación, teno claro "os clientes do mercado cada vez son maiores, van desaparecendo por desgraza, necesitamos reactivar a nosa clientela e que a xente saiba o que realmente está a comprar".

Na mesma liña, a concelleira de Promoción da Cidade, Anabel Gulías, subliña a necesidade dunha remuda xeneracional para que o mercado siga sendo un punto de encontro esencial na cidade e que a mocidade saiba de onde veñen os produtos e por que son tan especiais.

Despois pór en marcha O Ganapán, unha iniciativa dirixida ao público infantil, agora o foco ponse nos adultos. E farano con visitas guiadas ao mercado e unhas charlas moi especiais a cargo de Rogelio Santos, pescador de baixura e auténtico fenómeno en redes sociais.

Rogelio Santos, Anabel Gulías e Begoña Laya
Rogelio Santos, Anabel Gulías e Begoña LayaPontevedraViva

Rogelio non é só un home de mar, el é un divulgador nato que usa as súas redes para compartir reflexións sobre o coidado do océano, as artes de pesca sostibles e todo o que deberiamos saber antes de levarnos un peixe a casa.

Uns dez millóns de persoas ven os seus vídeos cada mes, onde mestura sabedoría mariñeira cun estilo próximo, directo e moi auténtico.

Participou durante anos en programas da Televisión de Galicia, ata que se situou en contra de Altri, criticou á Xunta pola xestión da crise dos microplásticos e expresou o seu apoio ao BNG.

As charlas con Rogelio Santos terán lugar, ás 11:30 horas, os sábados 13 e 20 de setembro, 4 e 11 de outubro e 15 e 22 de novembro. No caso das visitas serán de 11 a 12.30 horas, os mércores 17 e 24 de setembro, 15 de outubro e 12 de novembro.

Para participar en ambas as actividades requirirase reserva previa que haberá que facer unha semana antes no correo electrónico [email protected]. As prazas son limitadas: 30 persoas nas charlas e 15 nas visitas.

Begoña Laya tamén quixo pór en valor o traballo que se fai cada día na praza de abastos, onde operan unhas 60 empresas.

"Este é un mercado de luxo. Os nosos peixes veñen de todas as lonxas do litoral, desde Muxía até o norte de Portugal". E non só iso, tamén destacou as carnes, as verduras… "A variedade e a calidade que ofrecemos aquí é exquisita", dixo.

E por suposto, Rogelio tamén tivo palabras de agarimo para as praceiras porque "elas conectan á xente que vai comprar coa miña lancha onde eu estou a levantar os meus aparellos á primeira hora da mañá".

Durante as charlas, Rogelio falará sobre tallas mínimas, especies protexidas, vedas do marisco, e desmontará máis dun mito sobre a pesca e o peixe. Ademais, responderá a todas as preguntas que xurdan entre os asistentes. Unha oportunidade única para aprender de quen vive o mar en primeira persoa.

Para quen se anime a descubrir todo o que hai detrás das bancadas, o mercado de Pontevedra espéralle cos brazos abertos… e o mellor produto do mar e da terra.