Regresan os 'Cantos de Taberna' ás tascas da Boa Vila da man de Fuxan os Ventos, Maravallada, Sons do Peto, Peis D’Hos e Os Carunchos

Pontevedra
26 de xaneiro 2023

A edición deste ano tentará chegar a novos espazos, saíndo da zona monumental e actuando en bares da zona de Pasarón ou Virxe do Camiño, por exemplo

Unha das sesións de Cantos da Taberna na cervexaría Lar Diego Torrado

Cantos de Taberna, o programa musical impulsado polo Concello de Pontevedra en colaboración coa Asociación Cultural Maravallada, volve un ano máis co fin de incidir e recuperar o canto tradicional que durante décadas foi unha das formas musicais e de ocio por excelencia da nosa terra.

O ciclo, que conta cunha filosofía de seu na que se busca a mínima instrumentación e outorgarlle todo o protagonismo ás voces, amplía este ano o seu rango de acción, buscando novos establecementos que encher de melodía e tradición.

Nese sentido, os cantos non só tomarán tascas da zona monumental, senón que será posible escoitalas e vivilas en barrios coma Pasarón ou a contorna de Virxe do Camiño.

A listaxe completa distribúe os cinco concertos ao longo dos vindeiros cinco meses, no último venres de cada un: O 27 de xaneiro: Breogán / Balixas, o 24 de febreiro: Adega dos Avós / Americano, o 31 de marzo: Zafire / Sabor Colombiano, o 28 de abril: La Navarra / Barallocas e o 26 de maio: Nasa / O Panderetas.

Todos os concertos comezarán ás 21 horas e rematarán ás 00 horas, distribuíndose polos dous nomeados locais en cada xornada, sendo as agrupacións encargadas de encher de música cada establecemento as seguintes: Marvallada, Sons do Peto, Peis D’Hos, Fuxan os Ventos e Os Carunchos.

Manuel Espiño, presidente da Asociación Cultural Maravallada, destaca a presenza de Fuxan os Ventos, agrupación lendaria dentro da música galega, que ofrecerá unha experiencia única e intransferible ao adaptar o seu repertorio a este formato. "Están súper animados por vir e participar, no que claramente é unha oportunidade moi curiosa para gozar con eles", sinala.