'Resonancias', o ciclo que une en Pontevedra música e saúde mental con concertos e coloquios mensuais

Pontevedra
29 de novembro 2025
Actualizado: 17 de decembro

O evento piloto será o 17 de decembro no Liceo Casino coa participación de Merino e Eladio y los Seres Queridos. Despois do concerto haberá un coloquio coa psicóloga Rosana Corbacho

Concerto de Eladio y los Seres Queridos no Galegote 2022
Concerto de Eladio y los Seres Queridos no Galegote 2022 /

Chega a Pontevedra o ciclo cultural 'Resonancias', unha iniciativa que pretende unir a música coa saúde mental mediante concertos mensuais que estarán acompañados dun coloquio no que artistas e especialistas compartirán experiencias ao redor das emocións, da vulnerabilidade e do benestar persoal.

O proxecto, organizado polo Concello de Pontevedra e a produtora Borneo, nace como extensión do documental H.E.I. – Hacia el Espacio Interior, actualmente en produción, e que explora o poder terapéutico da música nun contexto no que a ansiedade e a depresión forman parte da vida cotiá de moitas persoas.

Con 'Resonancias' propoñen un espazo seguro, próximo e sensible para reflexionar sobre estas cuestións desde unha perspectiva cultural e accesible a todos os públicos. O formato, ademais, quere derrubar tabús e fomentar unha expresión emocional auténtica e compartida.

As sesións estarán dirixidas pola psicóloga Rosana Corbacho, especialista en saúde mental na industria musical e colaboradora en programas de divulgación cultural. Xunto a ela, participarán dous artistas invitados que combinarán unha actuación musical e unha conversación íntima ao redor da creación, das emocións e das súas experiencias ligadas á música.

O evento piloto celebrarase o mércores 17 de decembro ás 20:00 horas no Liceo Casino de Pontevedra, coa participación de Merino e Eladio y los Seres Queridos. A apertura de portas será ás 19:30 horas.

Nos concertos escoitaranse dúas propostas musicais complementarias, unha baixo a mirada introspectiva e emocional de Eladio, e outra coa frescura dunha nova xeración representada por Merino, que aborda no seu traballo temas como o crecemento persoal e o tránsito emocional.

Con 'Resonancias', a Boa Vila sitúase como un referente en materia de innovación cultural con compromiso social compaxinando arte, mocidade e saúde mental nun proxecto que aposta pola música como ferramenta de benestar e acompañamento emocional.

O ciclo terá continuidade ao longo do 2026 con novas sesións mensuais en diferentes espazos de Pontevedra.