O Festival de Cinema de Bueu (FICBueu), que se celebrará entre os próximos días 5 e 20 de setembro, xa elixiu as persoas que formarán parte do xurado para a edición coa que chegará á súa maioría de idade.
Así, o xurado oficial para esta edición número 18 estará formado pola productora e xestora cultural Beatriz Hernández, o cineasta e organizador cultural Mohamed Mahmoud e o programador Massimo Ianetti.
Os tres serán os encargados de entregar o primeiro premio, o premio á mellor curtametraxe galega e o premio á mellor curtametraxe española.
Beatriz Hernández é actualmente é directora artística do Skyline Benidorm Film Festival, presidenta da Coordinadora del Cortometraje Español e unha das fundadoras da Asociación de Festivais de Cinema da Comunitat Valenciana.
Pola súa banda, Mohamed Mahmoud é recoñecido polas súas contribucións á industria cinematográfica árabe. É ademais cofundador e presidente do Festival de Curtametraxes de Alexandría, un dos eventos cinematográficos máis destacados de Oriente Medio.
E Massimo Ianetti forma parte do equipo de programación do Festival de Cine Black Nights de Tallin, do Festival Internacional de Cine de Edimburgo e do Lago Film Fest. Tamén coordina o Mercado no Sheffield DocFest e é responsable de Industria no Pordenone Docs Fest.
Pola súa banda, as personas integrantes do xurado da sección Descubertas serán a xestora cultural e programadora María Juárez, a compositora musical e deseñadora Elba Fernández e o cineasta, crítico e tradutor Xavier Montoriol.
Os tres entregarán o premio á mellor curtametraxe de Descubertas, á mellor curtametraxe de GZ_00 e á mellor curtametraxe das escolas de cinema internacionais.

Para esta décimo oitava edición do FICBueu, o equipo de programación visionou máis de 1.700 obras audiovisuais, fronte aos 1.212 filmes que se recibiron o ano pasado.
Con respecto ao xénero, a ficción ocupa a maioría da porcentaxe das pezas recibidas, seguida, por esta orde, de animación, documental e experimental.