Retallos de mundo: Rila, a alma de Bulgaria na inmensidade da paisaxe

Pontevedra
21 de xuño 2026
Actualizado: 19:31

O escritor Xesús Constela adéntranos nas montañas de Rila coa ruta polos sete lagos e a visita ao mosteiro de Rila, onde historia e natureza se unen para ofrecer unha experiencia única

Sete lagos de Rila
Sete lagos de Rila / Xesús Constela

As montañas de Rila, no suroeste de Bulgaria, son o verdadeiro teito da Península Balcánica, un territorio de cumios agrestes, lagos glaciais e vales moi profundos que semellan gardar un mundo de segredos antigos entre os seus pregamentos. Unha paisaxe onde a natureza se amosa desinhibida e no seu estado máis puro, en medio de montes impoñentes entre os que destaca, maxestoso, o pico do Musala que, cos seus dous mil novecentos vinte e cinco metros de altitude, marca a máxima elevación montañosa nos Balcáns.

A miña chegada ao Parque Nacional de Rila, unha inabarcábel extensión de terreo de máis de oitenta e unha mil hectáreas, algo maior cá cidade de Madrid, supuxo a entrada nun mundo onde tiven a sensación de que a escala humana carecía de importancia nun escenario de bosques que ían mudando de aspecto a medida que ascendía, con carballeiras e faiais nas cotas máis baixas e con coníferas e abetos xigantes nos puntos intermedios, até chegar aos dous mil metros de altitude, e con inmensos prados alpinos que se estendían por riba desa liña como unha fermosa alfombra verde salpicada de flores e de especies endémicas.

Foi na pequena aldea de Panichiste, a uns mil catrocentos metros de altitude, no concello de Sapareva Banya, onde iniciei o meu ascenso cara ao lugar onde se atopan os coñecidos como sete lagos de Rila. O primeiro treito fíxeno nunha telecadeira que cubría un percorrido de catro quilómetros e medio e salvaba un desnivel considerábel, unha viaxe que me pareceu unha fermosa experiencia en si mesma porque, a medida que avanzaba, tiña a sensación de estar voar a través dun océano de árbores, un inmenso mar vexetal formado por abetos xigantes que se estendía até onde a vista alcanzaba e creaba unha paisaxe que convidaba ao silencio e ao abraio.

Sete lagos de Rila
Sete lagos de RilaXesús Constela

Unha vez que cheguei arriba, comezou a verdadeira camiñada, un percorrido que me levou, un tras doutro, polos sete lagos de Rila, o obxectivo da miña visita, conectados por pequenos regatos e fervenzas, cada un cun nome e unha personalidade propios.

O primeiro que vin foi o Salzata, a bágoa, pequeno e de augas moi cristalinas. Despois chegou o Okoto, o ollo, cunha superficie escura e inmóbil que me deu a impresión de que estaba a me observar en silencio.

Seguín o camiño e atopei o Babreka, o ril, cunha forma que explica o seu nome, seguido do Bliznaka, o xemelgo, case dividido polo relevo do monte en dúas metades semellantes.

Logo veu o Trilistnika, o trevo, que se abría en tres entrantes que case lle daban esa forma, e non estaba moi afastado do Ribnoto, o peixe, que polo visto recibiu ese nome porque nalgún momento da historia os humanos introduciron peixes para a pesca.

E finalmente, ao remate dunha longa ruta circular que aínda me levou unhas horas, cheguei ao Dolnoto, o inferior, que a través de varios regatos vai recollendo as correntes que lle chegan de todos os demais e marca o nacemento do impetuoso río Dzherman, cunhas augas de extraordinaria pureza.

Sete lagos de Rila
Sete lagos de Rila Xesús Constela

Abofé que a longa camiñada, ás veces bastante esixente por ser unha senda chea de subidas e baixadas, quedou máis que compensada pola sensación que tiven todo o tempo de estar a atravesar un lugar que en ningún momento deixou de me convidar a observalo con atención, como se cada lago agochase unha historia antiga ou unha fermosa lenda por descubrir que non deixou de dar pé a facer voar a imaxinación, que é o mellor que pode acontecer cunha paisaxe.

Mais estas montañas agochan tamén unha das grandes xoias culturais e espirituais de Bulgaria, o impoñente mosteiro de Rila, cunhas orixes que se remontan nada menos que ao século X, cando Iván Rilski, un ermitán que andaba á procura dun lugar que lle ofrecese a posibilidade de vivir nun retiro absoluto, afastado do resto do mundo, atopou naquela inmensidade tan agreste, naquela paisaxe tan chea de covas e grandes penedos, un lugar que lle pareceu perfecto para se instalar e para levar a vida de illamento e tranquilidade que procuraba.

Mosteiro de Rila Igrexa da Natividade. Fachada
Mosteiro de Rila Igrexa da Natividade. FachadaXesús Constela

A súa presenza non pasou desapercibida na contorna, e axiña comezaron a chegar regueiros de persoas que querían visitalo. A súa fama non deixou de medrar, e arredor da súa figura foi formándose unha pequena comunidade que daría lugar a un primeiro núcleo monástico.

Durante o Primeiro Imperio Búlgaro, arredor do século X, consolidouse o mosteiro nun contexto histórico crucial marcado pola plena conversión de Bulgaria ao cristianismo e pola expansión e consolidación do alfabeto cirílico, un sistema de escritura desenvolvido por discípulos dos irmáns Cirilo e Metodio de Tesalónica, que permitiu que o búlgaro se convertese nunha das primeiras linguas eslavas con recoñecemento literario e litúrxico. Este feito contribuíu a que, dende moi cedo, o mosteiro se erixise en epicentro dunha intensa actividade intelectual, onde os monxes non deixaron de copiar manuscritos e traducir textos sagrados, até asentar a nova grafía cirílica como un dos alicerces da vizosa identidade cultural do país.

Mosteiro de Rila. Gran patio central
Mosteiro de Rila. Gran patio central Xesús Constela

Ao longo do tempo, e especialmente durante a ocupación otomá, dende o século XIV até o XIX, o mosteiro actuou como unha sorte de escudo imbatíbel fronte as invasións, e foi tamén un dos focos do que se deu en chamar Renacemento Cultural Búlgaro, un período de espertar nacional e social que culminou coa liberación do dominio otomán en 1878.

Con todos estes datos na man, a miña chegada ao mosteiro, que dende o exterior me pareceu unha inmensa fortaleza agachada entre bosques de árbores enormes e rodeada de altos muros de pedra e ladrillo, transmitiume a fonda sensación de peche e de defensa que os monxes procuraran dende o momento da súa fundación, ao tempo que me daba a impresión de estar a regresar aos afastados tempos do medievo.

Xa no interior o meu abraio aínda se fixo máis grande cando se abriu diante de min un amplísimo patio central rodeado de fermosos edificios de varios andares con longas galerías de madeira escura nas fachadas e con fermosas fiestras orientadas cara á igrexa da Natividade da Virxe, situada no corazón mesmo do complexo.

Un dos elementos que máis chamou a miña atención neste patio central do mosteiro foi a Torre de Hrelja, levantada no século XIV, que é a única construción que sobreviviu ao gran incendio que destruíu boa parte dos edificios durante a época do Renacemento Búlgaro, e aínda se ergue como testemuña silenciosa do paso do tempo.

Mosteiro de Rila. Torre de Hrelja
Mosteiro de Rila. Torre de HreljaXesús Constela

A reconstrución do mosteiro no século XIX deu lugar ao complexo actual que puiden visitar, no que destaca de maneira especial a Igrexa da Natividade da Virxe, un edificio de cinco cúpulas de cores brillantes e unha decoración que me resultou absolutamente fascinante, xa que todas as fachadas exteriores están cubertas por frescos que van dende o chan até o teito e crean un espectáculo visual que me deixou sen palabras.

Estas pinturas, propias da tradición ortodoxa, teñen un carácter ao mesmo tempo artístico e didáctico, xa que nos tempos de construción do mosteiro, cunha sociedade maioritariamente analfabeta, servían para transmitir as historias bíblicas mediante imaxes intensas, cheas de cor e de expresividade.

Mosteiro de Rila, Vistas dendeTorre de Hrelja
Mosteiro de Rila, Vistas dende Torre de HreljaXesús Constela

Entre todas elas, chamou especialmente a miña atención a representación do xuízo final, que presenta un forte contraste entre o ceo e o inferno, onde os pecados aparecen castigados con tremendas escenas que buscan impactar e advertir ao espectador ao pareceren querer dicir: "mira o que pasa se te portas mal."

No interior da igrexa os frescos tamén cubrían todas as superficies, pero neste caso a iconografía centrábase na vida de Xesús e en ilustrar milagres de santos, polo que me deron a impresión de estar máis orientados á contemplación, nun enfoque que contrastaba co obxectivo claramente didáctico dos do exterior.

Entre os artistas que traballaron nestes frescos destaca Zahari Zograf, un interesante pintor que se fixo famoso porque introduciu elementos innovadores na arte búlgara, ao pintar figuras máis humanas e máis expresivas que en tempos anteriores, e tamén porque incorporou críticas sociais nos seus traballos, pero, sobre todo, porque rompeu coa tradición do anonimato medieval ao incluír na obra o seu propio autorretrato, un xesto moi ousado que, polo que me contaron, non foi moi ben acollido polos seus contemporáneos.

A visita ao museo do mosteiro completou a miña experiencia, porque me permitiu observar pezas de gran valor como iconas antigas, cruces talladas e, sobre todo, a coñecida como Cruz de Rafael, unha asombrosa miniatura de madeira de buxo con máis de seiscentas cincuenta figuras esculpidas, elaborada ao longo de doce anos cun nivel de detalle que resulta case incríbel por Rafael de Samokov, un artista que quedou cego ao final da súa vida, probabelmente por causa da tensión e a esixencia extrema dun traballo tan minucioso e tan duro.

Ao abandonar o mosteiro e rememorar mentalmente os lagos e as montañas que o rodean, comprendín que Rila é un deses espazos onde a historia e a natureza se entrelazan dun xeito moi intenso para crear unha experiencia única na que o silencio dos cumios e a grandiosidade artística do mosteiro parecen saber dialogar entre si cunha harmonía que se me antollou case perfecta.

©Xesús Constela, 2026