O Revenidas comeza este xoves cun cartel internacional que mestura punk, ska e propostas galegas

O Salnés
10 de setembro 2025

Dubioza Kolektiv, Buhos e The Baboon Show encabezan unha primeira xornada con once concertos con horarios ata as catro da madrugada

Festival Revenidas
Festival Revenidas / Christian Pérez - Festival Revenidas

O festival Revenidas abre este xoves 11 as súas portas para unha nova edición que promete manter o espírito combativo e festivo.

Ata o domingo 14 de setembro, Vilaxoán volverá converterse na referencia da música alternativa con 40 concertos repartidos en catro xornadas e un programa de actividades paralelas que inclúe a tradicional sardiñada popular.

A décima edición do certame mantén a tradición de comezar coas primeiras notas musicais desde A Duendeneta, de Carlos Crespo, ás 17:50 horas, coincidindo coa apertura de portas. A partir dese momento, a música non cesará ata as catro da madrugada nos dous escenarios habilitados no recinto.

A xornada inaugural reflicte a esencia do Revenidas cun cartel que combina propostas internacionais de música festiva e combativa como a dos bosnios Dubioza Kolektiv, que actuarán ás 23:15 no Escenario Galicia.

Dubioza Kolektiv
Dubioza KolektivDubioza Kolektiv

O punk rock en estado puro chegará da man da banda sueca The Baboon Show (21:35) e os neozelandeses Dick Move (19:20), ambos no Escenario Vibra Mahou.

Entre os nomes consagrados da escena estatal destaca a presenza dos cataláns Buhos, que pecharán a noite no Escenario Galicia ás 01:50 tras acumular máis de 1.400 concertos na súa traxectoria. Pola súa banda, os estremeños Sanguijuelas del Guadiana representarán ás figuras emerxentes cunha proxección exponencial.

TALENTO GALEGO

O festival mantén o seu compromiso coas propostas galegas coa participación de The Rapants (20:20), Hugo Guezeta (18:20) e Galician Army (03:00), que pecharán a madrugada no Escenario Vibra Mahou.

Concerto de The Rapants na Festa do Mar 2024
Concerto de The Rapants

A propia Duendeneta, cos Djs Carlos Crespo e Kris K aos mandos, actuará en dous momentos da xornada (17:50 e 22:45).

Os abonos para as tres xornadas e as entradas por día seguen dispoñibles en www.revenidas.com e desde as 12:00 horas deste xoves tamén na billeteira do festival. Quen merque o abono poderá reservar pola web o acceso á acampada en A Pelada por 15 euros, cun servizo circular de bus gratuíto.