A banda sonora do verán segue soando. Farao, entre os días 11 e 14 de setembro, cunha nova edición do festival Revenidas, que converterá un ano máis a Vilaxóan no epicentro dunha aposta en firme "pola música galega e pola cultura mariñeira".
Así o destacaron este xoves os seus organizadores, que acompañados de diversas autoridades, entre elas o alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, e o presidente da Deputación, Luís López, presentaron todos os detalles desta cita festiva.
"Poucos eventos están tan apegados a un territorio como o Revenidas e Vilaxoán", sinalou Varela, que celebrou que o festival conte cun "diverso, inclusivo e de calidade", liderado por Fermín Muguruza, Lendakaris Mortos, Dakidarría, Baiuca, Talco ou The Rapants.
López, pola súa banda, celebrou a combinación de música, actividades e experiencias en torno ao mar que propón o Revenidas, un festival "que converte estes días a Arousa na capital galega da cultura" e que forma parte dos Rías Baixas Fest.
Durante a presentación, o director do festival, Xoan Quintáns, explicou que a programación desta edición "vai moi na liña do que sempre foi o Revenidas", cunha oferta que chea Vilaxoán "de tradición, cultura e música".
Un ano máis, o Revenidas ofrecerá unha trintena de concertos, cunha marcada aposta polo talento galego, aínda que Quintáns lembrou que este evento "non é só un festival" senón tamén unha experiencia "que busca poñer en valor a nosa cultura e as nosas tradicións mariñeiras".
Así, xunto coas actuacións musicais, volverá ter un gran protagonismo a sardiñada popular do domingo 14 "porque aí foi onde naceu o festival", sostivo o seu director, e na que se asarán preto de mil quilos de sardiñas recén pescadas.

A presentación do Revenidas contou tamén coa participación de Gabri e Iñaki, cantante e guitarra de Dakidarría, que antes e despois das intervencións das autoridades, interpretaron dúas cancións do grupo: Linguas Ceibes e Terra.
Os horarios dos concertos do Revenidas 2025 son os seguintes:
XOVES 11
17.50: La Duendeneta
18.20: Hugo Guezeta (Escenario Galicia)
19.20: Dick Move (Escenario Vibra Mahou)
20.20: The Rapants (Escenario Galicia)
21.35: The Baboon Show (Escenario Vibra Mahou)
22.45: La Duendeneta
23:15: Dubioza Kolketiv (Escenario Galicia)
00.40: Sanguijuelas del Guadiana (Escenario Vibra Mahou)
01.50: Buhos (Escenario Galicia)
03.00: Galician Army (Escenario Vibra Mahou)
VENRES 12
16.30: La Duendeneta
16.50: Seitura (Escenario Galicia)
17.45: J Martina (Escenario Vibra Mahou)
18.50: Sés (Escenario Galicia)
20.00: Les Testarudes (Escenario Vibra Mahou)
21.00: La Duendeneta
21.30: Fermin Muguruza (Escenario Galicia)
23.40: Sons of Aguitte & Scila (Escenario Vibra Mahou)
00.40: Baiuca (Escenario Galicia)
01.55: Svetlana (Escenario Vibra Mahou)
02.55: Talco (Escenario Galicia)
SÁBADO 13
11.00: La Duendeneta
11.30: Filloas (Escenario Vibra Mahou)
12.30: Lendakaris Muertos (Escenario Galicia)
13.45: La Duendeneta
14.15: Monoulious Dop (Escenario Vibra Mahou)
15.20: Mondra (Escenario Galicia)
16.35: F.R.A.C. (Escenario Vibra Mahou)
17.30: Dakidarría (Escenario Galicia)
19.00: Bewis de la Rosa (Escenario Vibra Mahou)
20.05: Heredeiros da Crus (Escenario Galicia)
21.20: La Duendeneta
21.50: Onza (Escenario Vibra Mahou)
23.00: Riot Propaganda (Escenario Galicia)
00.30: La Elite (Escenario Vibra Mahou)
01.40: La Fúmiga (Escenario Galicia)
03.00 Omiri (Escenario Vibra Mahou)
Fin de Festa: Yaya Dj (Escenario Vibra Mahou)
DOMINGO 14
12.30: Os Terribles de Arousa (Parque Doa Concha)
13.00: Concerto Punkinfantil (Escenario Deleite)
14.15: As do Xeito (Parque Doa Concha)
15.30: Mekánika Rolling Band (Parque Doa Concha)
19.45: Orquestra Bravú Xangai (Escenario Vibra Mahou)
21.15: Terrae (Escenario Vibra Mahou)
Como é habitual, o Revenidas manterá paralelamente á celebración do festival unha intensa programación de actividades, entre eles os aclamados concertos acústicos que se ofrecen a bordo do barco Chasula navegando pola ría de Arousa.
O sábado 13 haberá concertos de Uxía (con saída do porto de Vilaxoán ás 13:00 horas), Xisco Feijoó (15:00 horas) e O Rabelo (17:00 horas). Os do 14 correrán por conta de Dakidarría en formato "acustiquísimo" (13:00 horas), Budiño (15:00 horas) e Xabier Díaz (17:00 horas).
A sardiñada popular (domingo 14, 13:30 horas) será no parque de Dona Concha con animación de Os Terribles de Arousa, As do Xeito e a Mekánika Rolling Band; e ás 17:15 horas será a gala solidaria de circo, que recadará diñeiro para Palestina.
A gala acollerá unha festiva sucesión de espectáculos de maxia, clown, música e circo protagonizados por artistas e compañías de Galicia e Cataluña como Peter Punk, Factoría de Subsistencia, Cris Collazo, Sempre Arriba, Sabela Galbán, Sonía García e Pau Segalés.
Haberá ademais a tradicional ruta para descubrir Vilaxoán, guiada por Xurxo Souto (mércores 10, 19:00 horas) ou catas de viño durante todos os días do festival.