Nova fichaxe internacional para o festival Costa Feira. O recoñecido DJ e produtor Gordo, unha das figuras máis influentes da música electrónica actual, aterrará este verán en Sanxenxo para ofrecer un concerto que se celebrará o xoves 14 de agosto.
O artista nicaraguano-estadounidense, anteriormente coñecido como Carnage, conquistou os escenarios máis importantes do mundo co seu son característico que fusiona house, ritmos latinos e hip hop nunha experiencia completamente inmersiva.
Despois dunha profunda transformación persoal e artística durante a pandemia, Diamante Blackmon, o home detrás de Gordo, redefiniu a súa carreira cunha proposta máis auténtica, emocional e conectada coas súas raíces cunha visión vangardista.
O seu álbum debut "Diamante", lanzado recentemente, inclúe colaboracións con grandes nomes como Drake, Maluma, T-Pain, Nicki Nicole, Sech, Leon Bridges e Fuerza Regida, e foi aclamado pola súa capacidade de unir xéneros e culturas nun son innovador e poderoso.
Ademais de encabezar festivais como Coachella, Burning Man, Tomorrowland e clubs lendarios como Pacha Eivissa e Space Miami, Gordo desenvolveu un enfoque filantrópico que o levou a construír escolas en Nicaragua e Guatemala.
A actuación de Gordo en Costa Feira promete ser un dos momentos máis intensos do verán, ofrecendo unha viaxe musical que celebra a diversidade, a paixón e o poder da música electrónica feita co corazón.
Gordo únese así a un cartel no que xa figuraba Leiva (2 de agosto), Manuel Carrasco (9 de agosto) e Camilo (19 de agosto). Proximamente haberá máis confirmacións.