Rías Baixas Film Fest, a marca que relanzará os festivais de cine de Pontevedra

Pontevedra
22 de xullo 2020

Os nove festivais de cine máis importantes de Pontevedra estarán agrupados baixo unha nova denominación conxunta. Trátase da marca Rías Baixas Film Fest, impulsada pola Deputación de Pontevedra -igual que fixo hai anos cos festivais de música- para relanzar estes eventos

Presentación da marca Rías Baixas Film Fest
Presentación da marca Rías Baixas Film Fest / Deputación de Pontevedra

Os nove festivais de cine máis importantes de Pontevedra estarán agrupados baixo unha nova denominación conxunta. Trátase da marca Rías Baixas Film Fest, impulsada pola Deputación de Pontevedra -igual que fixo hai anos cos festivais de música- para relanzar estes eventos.

O FIC Bueu (11-19 de setembro), o Curtas Festival do Imaxinario de Vilagarcía (23 de outubro-1 de novembro), o Novos Cinemas de Pontevedra (15-20 de decembro) e o Curtas Armadinha de Poio forman parte desta iniciativa.

Festivais como Cans, o Play-Doc de Tui ou tres eventos que se celebran en Vigo, a Primavera de Cine, o Festival Again de Cine Inclusivo e o Galicia Freaky Film completan esta marca de calidade coa que buscan fortalecer a súa posición no panorama audiovisual do país.

Na presentación de Rías Baixas Film Fest, que tivo lugar na sede da Deputación en Vigo, a presidenta provincial, Carmela Silva, destacou que "hai poucas provincias no conxunto do Estado que teñan tantos festivais audiovisuais e de tanta calidade como a de Pontevedra".

Silva, que adiantou que haberá un comité asesor para apoiar a estes festivais, celebrou que "hoxe comeza a andaina dun proxecto moi potente" que forma parte dun sector "estratéxico" para a provincia de Pontevedra.

Todos eles, engadiu a dirixente provincial, sitúan á provincia de Pontevedra "nun espazo máis amplo, sendo capaces de transformar e traspasar fronteiras" e mostran sempre o seu "compromiso" coa sustentabilidade, a igualdade, a cultura galega e o respecto á lingua galega.

O director de Play Doc, Ángel Sánchez, agradeceu en nome de todos os festivais o "diálogo fluído" coa Deputación para "construír novas ideas" e subliñou o papel do cinema para formar "espectadores críticos" e lograr a "transformación social" do país.

Sánchez enxalzou a súa incidencia na economía e na proxección da provincia "fóra das nosas fronteiras" e, en canto á marca, destacou a importancia do "traballo conxunto" para incrementar a visibilidade, dignificar a cultura, profesionalizar o sector "e ser máis fortes no relato cultural".