'Ricardo Portela, inmorrente', unha exposición para redescubrir o legado do gran gaiteiro galego

Pontevedra
03 de novembro 2025

O Pazo Provincial acolle unha mostra dedicada a esta figura esencial da música tradicional galega que permanecerá aberta ata o 21 de novembro, en horario ininterrompido de 9:00 a 20:00 horas

O gaiteiro Ricardo Portela
O gaiteiro Ricardo Portela / Os abrentes de Cerdedo

A Deputación de Pontevedra convida o público a mergullarse na música tradicional galega coa exposición "Ricardo Portela, inmorrente", que se inaugura este mércores 5 de novembro ás 19:00 horas no vestíbulo do Pazo Provincial.

A mostra, comisariada polo recoñecido gaiteiro Óscar Ibáñez, permanecerá aberta ata o 21 de novembro, en horario ininterrompido de 9:00 a 20:00 horas.

Trátase dunha homenaxe a Ricardo Portela, unha das figuras máis queridas e influentes da nosa música tradicional.

Portela foi o elo que uniu a sabedoría dos vellos gaiteiros coas novas xeracións, deixando unha pegada profunda na maneira de entender e interpretar a gaita galega.

A exposición, composta por oito paneis e varias vitrinas, recolle un completo percorrido pola súa vida e obra, desde os seus vínculos con Viascón, Vigo e Pontevedra, ata o seu labor artístico, os seus discos, e as colaboracións con diferentes asociacións e entidades.

Entre o material exposto destacan instrumentos, pezas de vestiario, fotografías e discos, que permiten coñecer de preto a traxectoria dun músico tan singular como comprometido coa súa terra.

Ricardo Portela, que definía a gaita como un "instrumento inmorrente", foi moito máis ca un intérprete excepcional xa que converteuse en mestre de mestres, un referente que elevou a figura do gaiteiro a símbolo de identidade e responsabilidade cultural.

O seu estilo, cheo de sensibilidade e personalidade, segue vivo hoxe nas mans e no son de moitos dos gaiteiros máis destacados da actualidade.

Con esta exposición, a Deputación de Pontevedra quere celebrar a súa memoria e inspirar ás novas xeracións, convidando a todos a descubrir, ou redescubrir, o legado dun home que fixo da gaita unha forma de vida e un símbolo eterno da nosa música.